ESPÁRRAGOS VERDES COCIDOS
Unha receita de Anxo para os espárragos da súa horta desde aqueles tempos do Rodiño...
Ingredientes
Espárragos verdes frescos 300 g
sal
auga
cubiños de xeo (opcional)
Elaboración
Lávanse os espárragos remollándoos en auga dabondo. Límpanse con coidado, cortando ao xeito os talos xusto no lugar onde se pode cravar o coitelo sen imprimirmos demasiada presión. Así refúganse as partes leñosas e duras, conservando intacto o talo tenro e as puntas.
Nun recipiente ponse auga a ferver, a suficiente para cubrilos por completo. Cando alcance o fervor, engádese un puñado de sal e introdúcense os espárragos. De non colleren todos, cócense por quendas. Unha vez no recipiente, desde o novo fervor, de seren delgados cocen 3 minutos, de seren medianeiros cocen 5 minutos, pero de seren grosos, cocerán 7 min.
Mentres cociñan, dispoñemos noutro recipiente auga a temperatura ambiente e reservámola.
Pasado o tempo de cocción, retiramos os espárragos cunha escumadeira e introdúcense no recipiente coa auga fría, á que é posibel engadir uns cubiños de xeo, para cortarmos de golpe a cocción e que manteñan o verdor brillante.
Escórrense e colócanse nunha fonte, acompañados de maionesa ou de aceite de oliva virxe mais queixo parmesano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario