CONSOMÉ TRADICIONAL
Para despois dunha "noite trasnoitada"
Ingredientes
allos porros 2
cenoiras grandes 2
cebola 1
zanco de polo 1
morrillo ou pescozo de tenreira 250 g.
Óso de xeonllo de tenreira 1
Pirixel
Loureiro 1 folla
Aceite de oliva virxe extra
Auga 4 l.
Sal
Recoméndase un consomé antes de xantares fortes ou mesmo como cea lixeira.
Elaboración
Retírase a pel e a graxa do zanco de polo
Nunha ola grande, quéntanse 4 culleradas de aceite de oliva, dóurase o zanco e a carne de morrillo de tenreira.
Móndase a cebola e córtase en 2 anacos. Lávanse cenoiras e allos porros e pártense en 3 anacos.
Ao dourarse a carne, incorporamos os allos porros, a cenoria, a cebola, loureiro, pirixel, o óso de tenreira, a auga e un pouco de sal. Coce todo 2 horas a lume medio coa ola tapada, retirando de cando en cando a escuma.
Retíranse as carnes, o óso e as verduras. Escóase o líquido para quitar a graxa. Déixase enfriar e retírase a tona de graxa da superficie.
Próbase e rectifícase de sal, pois, de botalo todo ao primeiro, ao reducir o consomé, quedaría salgado. Sérvese quente.
Notas
De querermos maior sabor, redúcese o consomé deixándoo ferver máis tempo.
Para facer sopa, acompañamos coa carne cocida e con fideos.
Para que arrecenda, vai ben un chisco de viño de Xerez.
Pode levar unha xema de ovo crúa, un pouco de xamón picado ou trozos de pan frixido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario