xoves, 22 de outubro de 2020

XABARIL GUISADO CON CASTAÑAS

 

XABARIL GUISADO CON CASTAÑAS

Outra receita de Anxo, de canda o seu pai nos agasallaba con carne de xabaril!!!

Ingredientes

Xabaril en anacos 1'5 Kg

Viño tinto 500 ml

Viño branco 500 ml

Castañas depelicadas 250 g

Cenorias 4

Dentes de allo 3

Cebolas grandes 2

Allos porros 3

Pementa negra

Ourego

Pirixel

Tomiño

Sal

Maceración

Nun recipiente co viño tinto introdúcese a carne e a cebola picada. Deixamos que macere durante 2 días, virando cada 8 horas a carne. De ser preciso, para que non seque, botamos máis viño tinto.

Elaboración

Tírase o viño tinto da maceración, escórrese a carne e dóurase en aceite quente a lume manso. Salgamos. Engádese a cebola escorrida, os dentes de allo picados, a pementa negra, o ourego, o tomiño e o pirixel. Friximos 5 min. Régase co viño branco e déixase cocer nel unha hora a lume manso, virando e mexendo de cando en cando.

Limpamos e cortamos en anacos grandes as cenorias e os allos porros. Introdúcense no recipiente onde se fai o xabaril e coce todo 45 min.

Engádense as castañas depelicadas e enteiras, cocen sobre media hora a lume manso, atendendo a que non se desfagan para a presentación á hora de servir.

 

Notas

Esta vez usamos castañas asadas, peladas e conxeladas, que só coceron 10 min. A carne tamén estaba no conxelador.



Ningún comentario:

Publicar un comentario