SARDIÑAS FRESQUIÑAS DE POLA MAÑÁN, AÍ VEÑEN, AÍ VEÑEN, AÍ VEÑEN, AÍ VAN SARDIÑAS AO FORNO
Ingredientes:
1 kg de sardiñas ou xoubiñas frescas
sal groso para forno
Elaboración
Os meses sen “R” son a mellor tempada das sardiñas. Buscarémolas con bo aspecto: brillantes, os ollos non amarelados, ao collelas deben estar ben tesas e non se dobrar o corpo.
Pásanse pola auga fría e sécanse.
Para enfornalas, como mellor quedan é enteiras, pero pódense abrir, tirar as tripas e quitarlles a cabeza.
Cubrimos unha bandexa con papel de forno, estendendo por riba unha capa de sal de 1 cm, sobre a que se colocan as sardiñas, a rentes unhas das outras, pero sen sobrepoñérense.
Co forno caldeado a 220º C, enfórnanse a media altura de 15 a 20 min, consonte o tamaño.
Ao pasaren 15 min, sacamos unha para comprobar se a pel se desprende doadamente e se están cocidas no interior.
Van directas á mesa na fonte do forno, pois arrefrían con moita rapidez, a fonte e o sal conservan a calor.
Antes de as comer, cómpre sacudilas para tirarlles o sal.
De telas asado enteiras, retírase a cabeza, ábrense pola metade, quítase a espiña central e as tripas e cómese a carne coa pel.
Notas
Para darlles outro tipo de sabor, engádese zume de limón por riba ou unha picada de perexil e allos, ben antes, ben despois de enfornar.
Para obter un toque picante, mesmo se poden asar cun chisco de chile picado.
De sobraren sardiñas, métense nun recipiente cubertas de aceite de oliva virxe extra, tápanse e repousan durante 2 ou 3 días na neveira. Cómense frías ou a temperatura ambiente, con ensaladas, pasta, tapas, aperitivos... como as de conserva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario