xoves, 22 de outubro de 2020

FIGOS AO VIÑO TINTO

 

FIGOS AO VIÑO TINTO ...E da figueira ramona, tan viciosa, ao pé da casa, onde 
o palleiro grande” (Álvaro Cunqueiro) 

Ingredientes

figos maduros, 500 g
viño tinto, 300 ml
azucre
pau de canela, 1
requeixo sen sal


Os figos deben estar maduros, mais non desfeitos. Recollín os figos ramóns nunha figueira “ramona” (como a de Miranda, a pousada de don Merlín), 
son as que teñen os figos maduros polo san Ramón (31 de agosto), mentres as “migueliñas”
maduran os froitos polo san Miguel (29 de setembro). E no mes de xuño as “bevereiras” 
proporciónannos béveras.


Elaboración

Límpanse os figos cun pano e córtaselles o pedúnculo. 
Nun recipiente, vanse colocando os figos uns á beira dos outros, moi xuntos. Engádese o pau de canela 
e cóbrense con viño tinto, deixando ao descuberto só a parte superior, onde quitamos o pedúnculo.
Sobre cada punta de figo, bótase cadansúa cullerada de azucre (unha culler de sobremesa).
Cocen a lume medio, sobre 45 min, até que o líquido reduza e se forme un xarope. 
Méxese de cando en cando para que non se peguen.
Arrefrían no recipiente.
Sérvense con requeixo fresco e con xarope por riba do queixo.

Notas

Tómanse mornos ou fríos, sos, acompañados con xeado ou iogurte natural, ao que podemos engadir 
un chorro de zume de limón.
Tanto serven figos como béveras, sempre e cando estean maduras.
Consérvanse cubertos de xarope en botes de cristal esterilizados e pechados hermeticamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario