ALCACHOFAS CON GAMBAS
A alcachofa fresca dáse a
fins de inverno, no seu consumo culinario rexéitanse as duras e
fibrosas follas externas e aprovéitanse as interiores (corazón),
tenras e moi saborosas.
Orixinaria de Exipto,
estendeuse por toda a gastronomía mediterránea e destacan como
produtores Italia, Murcia, a Comunidade Valenciana, Andalucía,
Cataluña e Navarra. A cociña galega úsaa en poucas receitas, mais
esta fornecéunola Puri, de Lugo.
Ingredientes
8 alcachofas cocidas,
partidas á metade
100 gr de colas de gambas ou
lagostiños cocidas e peladas
75 gr de xamón serrano
1 cebola mediana
1 dente de allo
sal
aceite de oliva
125 ml de auga
1 cullerada rasa de fariña
perexil (para non oxidárense
as alcachofas)
Cocción
Logo de lavalas, nunha ola
con abundante auga a ferver, bótase o perexil, unha culleradiña de
sal por cada 2 litros de auga e as alcachofas. É fundamental que
queden completamente cobertas, xa que escurecen moi axiña en
contacto co osíxeno. Cócense 25 min, sácanse e escórrense.
En canto arrefezan,
retíranse as follas exteriores, escuras e duras, até chegarmos ao
corazón, de follas claras e tenras. Por último córtanse as puntas,
a parte superior da inflorescencia. Ráspase o talo, comestíbel e
moi tenro.
Nunha tixola con aceite
quente, a lume medio refógase 4 ou 5 min a cebola moi picada.
Engádese o allo moi picado, frítese un minuto, despois o xamón moi
picado, sofríxese outro minuto, bótanse as gambas ou lagostiños
cocidos e reméxese todo 1 min. Colócanse as metades de alcachofa na
tixola e dóuranse por ambos os lados.
Mentres, diluimos a fariña
nos 125 ml de auga fría, remexendo até esluíla. Bótase por riba
das alcachofas. A lume medio, méxese o recipiente até formarmos un
mollo espesiño.
Sérvense quentes.
Notas
Variante vexetariana: sen
xamón nen gambas. Ao botar a fariña esluída, esparexemos por riba
50 gr de améndoa picada (non moída).
As receitas aconsellan
somerxer as alcachofas en auga acidulada con limón ou vinagre para
evitar que negrexen, mais alteran o sabor da hortaliza, polo que na
cocción usamos perexil.
Pode
facerse con alcachofas en conserva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario