CREMA DE FROITAS
VERMELLAS
"Amoriñas das silveiras que eu lle daba
ao meu amor..."
Froita
silvestre, froitos do bosque ou froitas bravas son a denominación
popular que agrupa unha serie de froitas miúdas e comestíbeis que
non se cultivaban, senón que medraban en gamallos, arbustos ou mesmo
árbores bravas en valos, valados, camiños, bosques e fragas de todo
o país. Adoitan ser bagas doces ou un chisco acedas, zumarentas e
intensamente coloradas, coas que se elaboran zumes, marmeladas,
tortas, iogurtes, xeados...
Actualmente, para uso
gastronómico, cultívanse e comercialízanse como "froitas
vermellas ou do bosque" ou co hiperónimo "bagas",
entre as que se inclúen os arandos, arandos bravos ou uvas do
monte que nacen da arandeira; as cereixas bravas da cerdeira
brava; os abruños do abruñeiro ou ameixeira brava; a
framboesa do framboeseiro; os amorodos, morodos, morogos,
morangos ou morotes da
amorodeira ou moroteira brava; as amoras da silva ou
silveira; as bagas de sabugueiro do bieiteiro ou sabugueiro; o
morote ou
fartabellaco do érbedo;
as grosellas da groselleira...
Ingredientes
300 g de froitas vermellas conxeladas
4 follas de xelatina natural (sen sabor)
6 iogurtes naturais
140 g de azucre moído
25 ml de auga a ferver
Elaboración
Desconxeladas as froitas, co batedor eléctrico reducímolas a puré.
Nunha fonte, cobertas con auga fría, póñense a remollo 10 min as
follas de xelatina. Escórrense ben e, mexendo cun garfo, disólvense
nos 25 ml de auga a ferver. Agregamos isto ao puré de froitas,
remexendo até ficaren integrados.
Nun recipiente, batemos a man os 6 iogurtes e, a seguir, mesturamos
coa crema de froitas. Engádese o azucre moído e cunha pa revolvemos
con movementos envolventes até obter unha crema homoxénea.
Distribuímos en copas e déixanse arrefecer 4 horas no frigorífico
antes de servir.
Notas
É cómodo usar froitos do bosque comerciais conxelados (grosellas
vermellas e negras, framboesas, amoras, cereixas acedas, arandos...)
As bagas frescas de tempada son máis variadas e saborosas e conxelan
ben.
Opcionalmente, adornamos con froitas ou cun chorro de caramelo
líquido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario