COGOMBRO OU CABACIÑO
EN VINAGRE
Aderezalas
con sal e vinagre é un bo xeito de conservar verduras e hortalizas
(cogombros, ceboletas, remolacha,
couveflor, cenoura, alcaparra,
etc...) ou mesmo repolo, berenxena, tomate verde, pemento,
apio...
O vinagre (entre 6º ou 7º de gradación), ben de viño tinto ou
branco, de xerez ou de mazá, matiza o sabor e facilita a
conservación, mentres o sal fai perder auga a verduras e hortalizas
antes de submetelas á acción do vinagre.
Opcionalmente, pódense incorporar ingredientes como azucre (que matiza o sabor do vinagre), herbas aromáticas ou especias, mais a clave é utilizar produtos moi frescos e buscarmos o punto das nosas preferencias: sabor ácido máis ou menos intenso e o toque das distintas herbas.
Esta receita serve tanto para cogombros
como para cabaciños.
Ingredientes:
1 cogombro ou 1 cabaciño
sal gordo para maceralo
Ingredientes para o adubo:
120 ml de vinagre de viño branco ou de
mazá
60 ml de auga
5 g de sal fino
1 cullerada de azucre
5 boliñas de pementa negra ou mestura
de varios tipos
1 culleradiña de chile esmiuzado
aneto ou endro (Anethum
graveolens) fresco
1 culleradiña de
mostaza
1 dente de allo
Elaboración
- Cortamos o cogombro en rodelas moi
finas, estendémolo nunha reixa e botámoslle o sal gordo. Déixase
macerar 30 min. para que solte a auga.
- Nun recipiente mesturamos os líquidos
para o aliño: vinagre, auga, sal e azucre.
- Agregamos as especias (pementa,
chile, endro e mostaza), reméxese e resérvase.
- Lavamos o cogombro para quitar os
restos do sal. Secámolo.
- Colócanse nun tarro de cristal,
deixando libre de cogombros 3 cm até o bordo do bote. Bótase o
adubo, apértanse un pouco as rodelas para enchouparen ben, métese o
allo pelado e troceado en tres ou catro anacos.
- Cóbrese co líquido case até o bico
do bote.
- Tapamos o tarro e deixamos repousar
como mínimo 48 horas.
Notas
É factíbel usar case calquer verdura
ou hortaliza, sempre que non sexan de folla.
A conserva dura meses pero, aberto o
bote, cómpre gardalo na neveira.
Cambiaremos as proporcións de auga e
vinagre, consonte prefiramos o sabor máis suave ou máis forte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario