BONITO
EMBOTADO EN CRU
Non é difícil distinguir o Atún
Claro do Atún Branco, as especies da familia dos Túnidos máis
cotizadas no mundo culinario:
.- o Atún Branco ou Bonito do Norte
(Thunnus alalunga),
de exquisito sabor, suave textura e ton branco, de
pezas de até 10 Kg de peso, desprázase en primavera dos Azores ao
Golfo de Bizkaia onde fica até o outono. A costeira ou campaña do
Bonito comeza en xuño e remata en outubro, pescando
cos anzós do tradicional palangre ou pincho, garante de calidade e
frescura.
.- o Atún Claro (Thunnus
albacares),
de cor avermellada, sabor moi agradábel, textura menos
fina, case 200 Kg de peso por peza, é o túnido máis capturado no
mundo coas redes do cerco.
Na Galiza, Burela é a capital do
Thunnus Alalunga:
só se pode consumir fresco de xuño a outubro, e as etiquetas verdes
da Consellaría do Mar garanten a orixe artesanal.
Desde 1985, a
A.C. Ledicia organiza a Feira do Bonito (en 2018, a XXXIII)
no porto de Burela o 1º sábado de agosto, que coincide co
ecuador da costeira.
A forma de consumo máis estendida é a
conserva: boa diferenza hai entre a feita na casa e a comercial!
Ingredientes
Un bonito sen
espiña nin pel (deberían quedar sobre 3 ou 4 Kg de carne limpa)
sal groso
aceite de oliva
0,4º
botes de cristal
esterilizados
Elaboración
1.- Retíranse todas as espiñas e os
sangachos (a parte sanguinolenta). Córtase o peixe en bastóns ou
trozos que collan nos botes. Cos anacos moi pequenos faremos un tarro
de migas.
2.- Colócanse nunha fonte cun chisco
de aceite e botámoslle sal groso.
3.- Nos tarros poñemos 2 cm de aceite,
recheando até 2 cm do borde co bonito cru, cortado e salgado.
Cóbrese co aceite e repousarán 2 ou 3 horas na neveira. De novo,
bótase aceite até 0'5 cm.
do bico do tarro.
4.- Tápanse os botes e nunha pota,
cobertos de auga, férvense 2 horas a baño maria, a lume medio. Para
asentar a conserva, deben enfriar na auga e repousar até o día
seguinte.
5.- De novo cócense 30 min a baño
maria.
6.- Xa fríos, gárdanse como mínimo 3
meses nun lugar escuro, antes de consumir.
Notas
Pode usarse aceite de xirasol, atún e
cocer na ola a presión 40 min.
Ningún comentario:
Publicar un comentario