TORTA DE QUEIXO COCIDA CON
FROITOS DO BOSQUE
Din que a primeira mención data dunha obra do médico grego Aegimus (século V a.C.), que describiu un pastel de queixo, que seica formou parte do menú dos atletas dos primeiros xogos olímpicos da historia, no ano 776 a.C. e despois difundiuse por Europa, logo de os romanos conquistaren Grecia.
A receita popularizouse. O político e censor romano Marco Porcio Cato (234 a. C.-149 a. C.), aquel de "Delenda est Carthago", na súa obra "De Re Rustica" fálanos do queixo desde o capítulo LXXIV até o LXXXV. Neles Catón o Vello inclúe receitas de pasteis: libum (LXXV), savillum (LXXXIV) e placenta (LXXVI), o máis semellante ás tortas de queixo actuais.
Cando en 1872 un granxeiro norteamericano tentou elaborar o queixo neufchâtel, de orixe francesa, rematou por crear o queixo cremoso que algúns designan como tipo philadelphia, fenómeno lingüistíco chamado metonimia, que converte a marca no produto ao aplicarmos como nome da xeralidade o da marca comercial.
Bego e Sergio trouxeron esta torta ao
Rodiño alá polo 1998.
Tempo
60 min
Ingredientes
(Medida: o vaso
do iogurte)
2 iogurtes naturais de 125 ml
2 medidas de fariña
2 de azucre
2 de nata líquida
2 de leite enteiro
100 gr de crema de queixo untábel (ou
tipo philadelphia) ou 8 queixiños en porcións
6 ovos
manteiga para untar o molde
250 g de marmelada de froitos do bosque
Elaboración
Méxense os ovos, engádese a nata,
iogurtes, leite e queixo. Bátese. Logo vai o azucre e a fariña,
remexendo todo co batedor.
Bótase a mestura nun molde untado con
manteiga.
No forno prequente a 200º, enfórnase
sobre 40/45 min, sacámola ao estar callada e tostadiña.
Déixase temperar un pouco e cóbrese
con marmelada de froitos do bosque.
Sérvese fría.
Notas
Máis saborosa resulta con froitos do
bosque naturais ou conxelados, macerados en xarope feito con auga e
azucre.
De apagarmos o forno ao callar a torta, deixarémola recocer coa
calor remanente.A marmelada pode ser de frambuesa ou de amorodo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario