domingo, 22 de decembro de 2019

TORTA DE PIÑA CON CREMA DE IOGURTE

TORTA DE PIÑA CON CREMA DE IOGURTE

Esta sinxela sobremesa resulta moi fresca, doce e saborosa. O día anterior pode elaborarse a base, deixala que repouse no frigorífico e engadir a crema de iogurte antes de servirmos.

Tempo de preparación: 35 min

Ingredientes e elaboración da torta

1 piña ben madura ou 6 toros de piña en xarope en conserva
120 g (6 culleradas) de leite condensado
2 ovos
200 g de queixo branco cremoso para untar
20 g de azucre moreno
manteiga para engraxar o molde

Coa axuda dun coitelo ben afiado, estónase a piña e tórase en anacos de aproximadamente 1,5 cm de grosor, mais desbotando a parte dura do centro. De querermos aforrar todo este choio, usamos as froitas dunha lata de piña en conserva, mais a natural é máis sabedeira.


Úntase o molde coa manteiga a temperatura ambiente e empóase co azucre moreno, sobre o que colocamos as rodas de piña ben apertadas unhas con outras.
Batemos nun recipiente o leite condensado, os ovos e o queixo e deitamos esta mestura sobre a piña.
Prequéntase o forno a 200º C. Enfornamos a torta 30 min. Retírase do forno e déixase repousar dous minutos. Pásase un coitelo arredor para desapegar a torta dos laterais e abanéase o molde para desprendela por abaixo.

Debe arrefecer. Xa fría, métese como mínimo 2 horas no frigorífico.
Desmóldase virando o molde sobre unha prata. Rematamos esparexendo por riba de cada porción 1 cullerada de crema de iogurte.

Ingredientes e elaboración da crema de iogurte

1 iogurte natural
1 cullerada de ron (15 ml)
1 cullerada de azucre branco moído (15 g)
1 cullerada do zume da piña (15 ml)

Nun recipiente, mesturamos o iogurte co ron e co zume da piña. Engádese o azucre e reméxese todo ben, até obtermos unha crema suave.


Notas

Pódese variar a froita, con manga natural ou melocotón en xarope no canto de piña.
En vez de queixo branco, queda moi ben con requeixo.
No canto de torta, podemos facer pasteliños individuais en moldes grandes de madalenas, ou en moldes pequenos, para o que cómpre recortar a froita.
Empreguei un recipiente rectangular de papel de aluminio. Desmóldase virándoo nunha fonte ou rompendo os laterais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario