domingo, 22 de decembro de 2019

SARDIÑAS CON AMEIXAS OU BERBERECHOS

SARDIÑAS CON BERBERECHOS


"As sardiñas volverían se os gobernos quixesen" (Castelao. Álbum Nós, 1916-18)
A nosa riqueza nestes peixes fixo que xa no s. XVIII os fomentadores da pesca cataláns propiciasen a industria conserveira galega.
Captúranse pola noite con artes de cerco e de enmalle ou deriva para consumir en fresco, afumada, salgada ou en conserva.
Fronte á costa norte de Portugal está o principal banco peninsular (o stock ibérico), onde crían as sardiñas que logo buscan alimento na Galiza. Desde hai anos, a cantidade de sardiñas cae en picado por non haber substitución xeracional pois case non hai crías por mor da pesca, da contaminación e da temperatura da auga.
Din os mariñeiros que os bancos de sardiña aparecían ao mencer e, sobre todo, ao solpor e de noite, á luzada, e que durante o día descendían e permanecían acamadas no fondo do mar, repousando semienterradas de cabeza no limo. Tamén din que cada vez hai menos sardiña e menos cría, e que cumpriría un parón na súa captura para recuperar a especie, deixándoas medrar e reproducírense.

Ingredientes
600 g de sardiñas pequenas
500 g de berberechos
2 dentes de allo
1 chile
1 limón
2 follas de pirixel
Aceite
Sal

Elaboración
.Lavamos os berberechos baixo un chorro de auga fría, fretando lixeiramente coas mans.
.Para que baballen e solten a posíbel area do interior, póñense a remollo totalmente cubertos con auga de mar, ou con auga con 2 culleradas de sal gordo, ou con auga cun chorro de vinagre.
.Logo de remollaren unha hora, coa man sácanse aos poucos do recipiente para a area ficar no fondo.
.Enxáuganse con auga fría para eliminarmos os residuos de sal.
.Límpanse as sardiñas, tirándolles as magas e a cabeza, pero deixándoas enteiras. Lávanse baixo a auga da billa e sécanse.
.Co aceite quente nunha cazola ancha, dóurase a lume medio o allo pelado e picado e o chile esmiuzado.
.Engádense as sardiñas e os berberechos, refogando 2 min. Bótase o pirixel picado e o zume de limón e coce todo xunto até os berberechos abriren, mexendo a cazola de cando en cando.
.Sérvense axiña, quentes.

Notas
Pode usarse ameixa ou unha mestura de bivalvos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario