domingo, 22 de decembro de 2019

ROBALIZA CON ACELGAS E PIÑÓNS

ROBALIZA CON ACELGAS E PIÑÓNS

A Guía dos Peixes de Galicia, Ed. Galaxia 1983, achega diferentes denominacións vivas na nosa lingua. Para a robaliza (Dicentrarchus labrax) recolle nomes como reboriza, lamega, balilla, cacheira, chalizo, chasca, tasca, chibana e robalo (este só para robalizas grandes).
Xa case non se pillan robalos (non "róbalos") nin robalizas selvaxes e autóctonas, de sabor exquisito, comercializando en xeral as de piscifactoría.

A acelga cultívase todo o ano e concentra doses inxentes de calcio, potasio e magnesio, minerais que axudan a excretar o sodio, polo que é un poderoso elemento de control da tensión arterial.

Tempo
35 minutos (15 de preparación e 20 de forno)

Ingredientes para 4 persoas
4 robalizas de ración (unha por comensal)
500 g de acelgas
1 cebola

2 dentes de allo
100 g de piñóns
aceite de oliva
sal
pementa negra
50 g de faragullas de pan de millo


Elaboración
Cómpre preparar as robalizas para rechear, sen cabeza, abertas e desespiñadas. É cómodo pedilo na peixería.
Lavamos as acelgas, cortamos follas e pencas en anacos.
Pélase e pártese a cebola moi miúda, fríxese 5 min aprox, a lume medio baixo nunha tixola ampla cun chisco de aceite quente. Cando estea tenra, agréganse os dentes de allo picados, fritindo durante 1 ou 2 min.
Incorporamos as acelgas, remexendo para mesturalas coa cebola e co allo. Coa tixola tapada, refogamos todo 5 min. Bótase sal e pementa e retírase do lume.
Á parte, noutra tixola quente e sen aceite, tórranse os piñóns sobre 1 min mexendo e procurando que non se queimen. Mesturámolos coas acelgas.
Botamos sal e pementa ás robalizas, recheando coas verduras, cerrámolas e colócanse nunha bandexa de forno untada de aceite. Régase cun chorro de aceite de oliva. Por riba estendemos as faragullas de pan de millo, para enriquecer o sabor e que a pel do peixe non se torre.
Co forno prequente a 220º, enfórnanse 20 min.
Sérvense quentes.


Notas
No canto de piñóns, pódense usar froitos secos sen sal (avelás, améndoas) ou sementes (pipas, sésamo...)
Se pescades vós a robaliza ou o robalo, estupendo! Se non queda outro remedio.... de acuicultura!

Ningún comentario:

Publicar un comentario