BACALLAU CONFEITADO
Desde hai séculos, o bacallau salgado
foi un dos poucos peixes que, xunto co polbo curado ou seco, se comía
en toda Galiza. Sobre todo no sur do país, era tradicional a cea de
Noiteboa de bacallau cocido con couveflor ou repolo, acompañado de
allada e ovos cocidos.
Este saboroso prato, fornecido pola miña amiga Ricucha, é para quen
goste de pasar unha tranquila mañá, ou tarde, de fogóns na casa...
a receita non é moi laboriosa, pero leva moito tempo.
Ingredientes para 4 persoas
4 postas de
bacallau de 200-250 gr cada unha
500 ml de aceite
de oliva e de xirasol a partes iguais, para o bacallau
4 dentes de allo
2 cebolas
grandes
4 patacas
grandeiras
250 ml de aceite
de oliva, para a cebola e as patacas
sal
8 culleradas de
maionesa
Xeito de preparar o bacallau
1. Desalgámolo
na neveira para evitar a fermentación: ponse a remollo 48 horas,
mudando a auga pola mañá, ao mediodía e á noite.
2. Desescámanse
e sécanse as postas. Colócanse nun recipiente coa pel cara abaixo.
3. Cóbrense coa
mestura de aceites. Engadimos os allos enteiros pelados.
4. No forno
frío, métese o recipiente. Acéndese a 160º e enfornamos 40 min.
5. Sácase do
forno e deixamos enfriar no aceite.
Acompañamento
Cebolas, patacas
e maionesa.
1. Cortamos unha
cebola en rodelas horizontais e a outra en rodelas verticais. Nos 250
ml de aceite quente, fritimos 5 min a lume forte, cocíñase co lume
ao mínimo durante 50 min e, ao final, 5 min a lume forte. Escórrese
o aceite e resérvase a cebola confeitada.
2. Nese mesmo
aceite, frítense as patacas ao xeito panadeira, en círculos moi
delgados (menos de 1/2 cm de grosor).
3. Colocamos as
patacas en 2 ou 3 capas cubrindo a base do molde de enfornar.
Esténdese a cebola sobre a pataca e, por riba, ponse o bacallau.
4. No forno
prequente a 180º, quenta todo 10 min.
5. Sácase e
póñense sobre cada posta 2 culleradas de maionesa.
6. Enfórnase de
novo e déixase até que a maionesa estea dourada.
7. Sérvese
quente.
Suxestións
Quédanlle moi
ben unhas olivas negras ou verdes que se engaden canda a maionesa.
Pode acompañarse
con pemento asado en tiras (mellor que non sexa de bote).
Ningún comentario:
Publicar un comentario