domingo, 22 de decembro de 2019

IOGURTE DE BACALLAU CON COULIS DE PEMENTOS DO PIQUILLO

IOGURTE DE BACALLAU CON COULIS DE PEMENTOS

Un refrescante primeiro prato, cuxa base é preciso preparar o día anterior.
A palabra coulis é un empréstimo do francés que designa un suave puré elaborado con marisco ou vexetais. Úsase como mollo e por veces como ingrediente doutras cremas ou salsas.

Ingredientes

Base: Iogurte de bacallau
200 gr de lombo de bacallau desalgado
250 gr de iogurte natural
6 gr de ceboliño fresco
1/2 culleradiña de chiles secos moídos
1 dente de allo pequeno
30 ml de aceite de oliva virxe extra
60 gr de miolo de pan, mellor fresco
sal

Coulis de pementos
6 pementos do piquillo en conserva
un chisco de azucre
20 ml de aceite de oliva virxe extra
sal

Elaboración

Da base de iogurte
. Quentamos nunha ola auga cun chorriño de aceite. Cando rompa o fervor, introdúcense os lombos de bacallau desalgado, deixamos que recupere a temperatura e volva a ferver, apagamos o lume.


. Déixase repousar na ola 5 min, a calor da auga cóceo sen deixalo seco e o peixe descónchase moi doadamente en lascas. Escórrese, retírase a pel e pártese en anacos.
. Nun recipiente colocamos o bacallau, o iogurte, o ceboliño fresco picado, o allo pelado e picado sen o xerme central, o chile, o aceite de oliva e uns 60 gr de miolo de pan esmiuzado. Tritúrase a velocidade suave até acadar unha pasta homoxénea e non moi líquida. De precisalo, engádese máis miolo de pan. Salgamos.
. Os vasos de cristal onde vaiamos servir recheámolos co iogurte de bacallau case até enriba, deixando libres 2 ou 3 cm.
. Métense no frigorífico 24 horas mínimo, para repousar e asentar a crema.
Do coulis:
. Escórrense os pementos, déitanse no vaso do batedor, engádese o azucre, sal e os 20 ml de aceite de oliva. Trituramos até obter unha mestura homoxénea.
. Énchense co coulis os vasos de iogurte case até o bordo e repousan 2 horas na neveira.
. Sérvense fríos.

Notas
. O peixe cocíñase o tempo xusto, para que non seque.
. O iogurte ha ser de calidade, evitando o semi e o desnatado.
. O azucre réstalle acidez ao coulis.
. Os vasos de cristal de iogurte son recipientes idóneos.
. Na neveira duran varios días, mais non se poden conxelar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario