SALCHICHAS CON CASTAÑAS E
MAZÁ
A castaña, alimento
fundamental na dieta dos nosos antepasados, tivo un papel
determinante na Galiza no desenvolvemento económico de moitos
núcleos rurais. Os monxes dos mosteiros galegos fomentaron a
plantación de castaños pola madeira e polos usos culinarios do
froito, aínda que no séc. XIX cede protagonismo ao propagárense os
cultivos procedentes de América (pataca e millo).
A alimentación a base de
castañas foi básica durante moitos anos, mais actualmente
empréganse como acompañante ou ingrediente nos pratos, en moitas
elaboracións como fariña para pans ou masas, cremas, marmeladas,
licores etc... A castaña conquistou a alta cociña da nosa
gastronomía convertíndose nun dos ingredientes máis apreciados,
principalmente como guarnición ou acompañamento de receitas con
carne.
Ademais dos produtos
outonizos como a castaña e a mazá, este prato principal resulta
moito máis saboroso se as salchichas frescas proceden de porco
alimentado con castañas.
Ingredientes
12
salchichas frescas
1 cebola
2 dentes
de allo
125 ml
de viño branco
250 ml
de caldo de polo
100 g de
castañas cocidas e depelicadas
100 ml
de aceite de oliva
sal
pementa
negra
Caldo de polo
1
carcasa de polo
Auga (1
litro)
sal
Para acompañar
4 mazás
grandeiras non moi maduras
aceite
de oliva
Elaboración
Na auga a ferver cun chisco de sal, cócese 30 min a carcasa de polo
a lume medio alto.
Córtanse os allos en láminas e a cebola en tiras finas. Nunha
tixola co aceite quente, fritimos a lume medio a cebola e os allos 12
min, mexendo de vez en cando.
Agréganse as salchichas que cociñarán 5 min, virándoas para que
cozan polos dous lados. Vertemos o viño branco e durante 5 min
deixámolo evaporar. Salgamos e esparexemos un chisco de pementa
negra.
Bótanse as castañas e os 250 ml de caldo de polo, cociñando 15 min
a lume lento.
Sérvense quentes.
Móndanse as mazás e pártense en anacos transversais e gordechos,
que se friten nunha tixola co aceite quente, a lume alto, como se
fosen patacas.
Notas
No canto de mazá, pode levar patacas frixidas ou arroz en branco.
Podemos usar castañas conxeladas (conxelan moi ben).
Ningún comentario:
Publicar un comentario