CACHELOS RECHEOS
A indicación xeográfica protexida
(IXP) Pataca de Galicia corresponde á especie Solanum
tuberosum L., da variedade Kennebec.
Receita de cachelos con recheo de atún
e queixo, para cuxa elaboración, cómpre cocelas ou asalas,
baldeiralas, rechealas e (volvelas a) enfornar.
Pódense servir de aperitivo, primeiro
prato ou simplemente como acompañamento.
Ingredientes
4 patacas medianas
115 gr de atún en conserva
4 liscos de queixo
mozzarella relada
4 culleradas de tomate frito
2 culleradas de AOVE (aceite de oliva
virxe extra)
sal
pementa negra
ourego
Elaboración
1. Escóllense patacas de tamaño
similar, lávanse ben fretando a tona baixo a billa para eliminar a
terra.
2. Secámolas e, sen depelicar,
envolvemos cada unha con papel de aluminio.
3. Prequéntase o forno a 200º.
Colócanse nun molde e enfórnanse 40 ou 50 min, consonte o tamaño.
Para sabermos se están ben cocidas, pínchanse cun escarvadentes.
4. Déixanse arrefecer 10 min, retírase
o papel de aluminio e arrefecen outros 10 min. Cortámolas
lonxitudinalmente.
5. Cunha culler, baldeiramos cada
metade, deixando sen extraer 5 mm de polpa arredor da tona, pois debe
quedar carne de pataca dabondo para non romperen ao mondalas ou
rechealas.
6. Estonámolas antes de rechear.
7. Nun bol, esmáganse e mestúranse a polpa das patacas, o atún escorrido, o queixo en anacos, o tomate frito, o sal, a pementa negra e o aceite.
8. Recheamos con esta mestura cada
metade, cubrindo cada unha cunha xenerosa capa de mozzarella relada,
ourego e pementa negra acabada de moer.
9. Prequéntase o forno a 200º.
Colocamos as patacas nunha bandexa con papel vexetal e enfórnanse
sobre 10 min. Ao fundirse e dourarse o queixo, sácanse do forno.
10. Sérvense acabadas de facer, ben
quentiñas.
Notas
Podemos cocer as patacas no microondas
ou nunha ola.
Para o recheo é posíbel usar
ingredientes variados: carne
picada cociñada, xamón,
queixos variados, cogumelos, verduras...
Se o recheo nos queda moi espeso,
dilúese cun chisco de leite frío.
Empregamos calquer tipo de queixo
relado, cheddar ou do que haxa pola neveira.
Resultan ben acompañadas de ensalada
mixta.