mércores, 28 de decembro de 2016

BRAZO DE CIGANO RECHEO DE LAGOSTIÑOS


BRAZO DE CIGANO RECHEO DE LAGOSTIÑOS
Para Marta Dios, porque lle gusta tanto...

MASA BASE PARA O BRAZO:
Ingredientes
5 claras de ovo
2 xemas
100 gramos de azucre
1 sobre de levadura
100 gramos de fariña
reladura dun limón


Xeito de facelo
1.- Batemos as claras a punto de neve, cando xa estean, engadímoslle moi amodo o azucre, e, sen deixar de remexer, o sobre de levadura, a reladura do limón, a fariña ben peneirada para que vaia aireada, e as dúas xemas.

2.- Nunha bandexa de forno, moi ben untada con manteiga, aínda que é moito mellor forrala cun papel de cocción de forno, botamos a mestura ben estendida.


3.- Prequentamos o forno a 200ºC, metemos a bandexa coa mestura durante 6 minutos exactos. 
 
4.- Pasado este tempo, sacámola do forno e cubrimos a masa xa cocida cun pano húmido durante 5 minutos.

 
5.- Quitamos o pano e enrolamos a base. De ter usado papel de forno, o propio papel sérvenos para enrolar e deixar cerrado como un caramelo, mentres arrefece. 

 Así queda preparada para rechear do que nós queiramos, pode ser dóce ou salgado.

Cómpre agradecerlle a Merche Pintos terme dado esta receita da base do brazo: exacta e impecábel!!!.

RECHEO:
 Ingredientes
450 gramos de maionesa (moito mellor feita na casa)
50 gramos de olivas cortadas en rodeliñas moi finas
400 gramos de gambas ou lagostiños cocidos e pelados (só as colas)
leituga partida á xuliana
ovo fiado para adornar (opcional; substitúo o ovo por unha moi lixeira capa de maionesa)
tomates tipo cherry para adornar
alcaparras (opcional; non llas boto, resultan demasiado fortes)
follas de leituga para colocar como base

Xeito de facelo
1.- Desenrolamos con moito coidado a base, quitándolle o papel de cocción. Esténdese por dentro moi ao xeito unha pouca maionesa para evitar que rompa.
2.- Engádese unha capa de leituga partida á xuliana, espárcense os lagostiños ou gambas en anacos non moi pequenos, as olivas en rodeliñas moi finas e de novo unha capa de maionesa.
 
 3.-  Enrólase ben enrolado e con moito coidado, colócase nunha prata recoberta de follas de leituga. 
 4.- Úntase con maionesa por fóra e colócanselle os tomatiños cherry, pementos do piquillo, olivas ou lagostiños. Déixase repousar no frigorífico como mínimo tres horas.

O recheo é unha achega da miña amiga Cati Silva, a quen lle agradezo moito este prato que tanto éxito ten na miña familia de Lérez todas as Noiteboas.

domingo, 18 de decembro de 2016

FIGOS EN XAROPE OU OS FIGOS DA NOIVA

 
FIGOS DA NOIVA

Inverno: arrecendo nos armarios a "mazás camoesas, tabardiñas e roibas" de Cunqueiro, sobremesas con uvas e figos pasos...
En Compostela, tanto na cidade como no rural, os "figos da noiva" (en xarope) eran a sobremesa tradicional das vodas. Como o habitual era celebrar os casamentos na casa, preparábanse os botes con antelación para agasallar os convidados. O Hotel Compostela ou o Suízo, onde celebraban as vodas as familias podentes, tamén incluían estes figos azucrados na sobremesa. A pastelaría Casa Mora, que funciona en Santiago desde 1924, preparábaos e vendíaos. Costume compostelán típico hoxe case desaparecido, nos anos setenta do século pasado aínda a noiva os ofrecía, feito que asombraba os convidados de fóra.

Ingredientes:
A proporción dos ingredientes é unha parte de azucre e dúas de figos.
.- 600 gr de figos maduros, pero deben estar enteiros e algo duros
.- 300 gr azucre
.- zume dun limón grande

Xeito de preparación:
Nunha pota colócanse os figos ben apertados. Consonte a cantidade, poden ir en dúas ou tres capas, cóbrense co azucre, tápase a pota e déixanse repousar 24 horas.
Ao día seguinte, cócense media hora a lume lento hora até que o azucre se fai líquido. Bótase o zume do limón e déixase repousar todo na pota tapada outras 24 horas.
Ao outro día, vólvese a cocer a lume lento 30 min, até que o azucre se pon acaramelado.
Aínda quentes os figos, métense en botes esterilizados, deixando dous centímetros libres ata o borde do bote. Recheamos co xarope e deixamos libre un centimetro ata o borde. Reméxese amodo cun pincho para que saian as burbullas de aire. Cérrase o bote e cócese a baño maría 30 min a partir de comezar a ferver.
Déixanse arrefecer na propia pota. Gárdanse e, pasado un mes, xa se poden comer.

Notas:
Excelente acompañamento para calquer tipo de carne.
Como sobremesa, poden servirse sós; con queixo fresco ou do país suave; unha lasca de queixo, un par de figos e unha sombra do xarope líquido por riba do queixo.
Pódense conxelar, pero cómpre deixar un centímetro libre nos tarros.
Consérvanse perfectamente un par de anos.

Suxestión de presentación para unha sobremesa:
Unha lasca de queixo fresco (o de Angulo de Burgos está moi ben, pero os queixos galegos non desmerecen nada), un par de figos ao lado e unha sombra do almibre líquido por riba do queixo.

AÑO AO XEITO DE BURGOS

AÑO AO XEITO DE BURGOS. Receita de Concha López Linares
Déixase o año toda a noite en auga fría, pódeselle botar xeo á
auga, para que desangre ben.
Se o año está conxelado, non hai que botarlle o xeo.
Pódese adobar con viño, allo e ourego, ou mesmo deixalo
sen adobar, que é como se fai en Burgos, sen nada.

Prequéntase o forno a 200º. No fondo da bandexa bótase
un pouco de aceite para que non se pegue a carne, colócase
a carne e métese no forno a 200º durante 10 minutos.
Sálgase o año e báixase a temperatura do forno a 180º.
Quince minutos despois aproximadamente bótaselle por
riba un vaso de auga con vinagre. Pódese darlle volta para
que se vaia facendo ben. Dependendo do tamaño dos trozos
da carne, debería estar no forno sobre hora e media.
Sácase cando se ve que xa está asado e sérvese cunhas patacas
ao xeito de Carlos, que xa se asan ao tempo que o año.

mércores, 14 de decembro de 2016

O POLBO: COCCIÓN, EMPANADA DE POLBO E POLBO Á MARIÑEIRA

O POLBO

O polbo chegaba a Lugo, Ourense, Monterroso, O Carballiño, procedente de Mugardos, de Bueu, de Muros, das vilas mariñeiras da Ria da Arousa..., onde aínda vemos dornas polbeiras, iguais ás do século XVII, propias para pescar estes octópodos.
Antigamente a maior parte do polbo que se comía nas feiras da Galiza interior era seco, secado nos sequeiros das vilas mariñeiras, á beira do mar, ao sol e ao vento.... mais agora non o damos encontrado seco, porque o que corre habitualmente é o polbo conxelado, xa que o fresco hai que mazalo moito ou conxelalo. A grande dificuldade é conseguilo das rías galegas, case todo ven de Namibia ou de Mozambique...
As mulleres que mellor o sabían cocer nas feiras eran as polbeiras do Carballiño ou de Sarria, e aínda hoxe o tradicional das festas do San Froilán en Lugo é ir tomar o polbo ás casetas do recinto feiral... En Ourense capital e nos seus concellos limítrofes vemos as polbeiras cocéndoo e vendéndoo os domingos pola mañá.
Cando o polbo é fresco, recén sacado do mar, hai que mazalo antes de o cocer, xa cunha pedra, xa colléndoo pola bolsa da cabeza ou batuxándoo contra unhas rochas ou contra as pedras do peirao. Xa se di que o sabor do polbo todo está na mazada, pero sempre ben cocido, ben aceitado, ben pimentado e con sal gordo para que tire do viño....


PARA COCER O POLBO
1 polbo de 1’5 Kg
4 litros de auga
1 cebola
2 culleradas de sal

Ponse a ferver a auga co sal nunha cazola de cobre, mais, de non a termos deste material, cómpre botarlle un anaco de cobre, reservado xa para estas ocasións. Cando a auga ferva, bótase a cebola. O polbo, mazado e limpo se é fresco, ou desconxelado e limpo se é conxelado, mergúllase por tres veces nesta auga a ferver, metendo e sacando, para que o polbo se "asuste" e cerre os poros. Déixase cocer arredor de 30 ou 40 minutos, dependendo do tamaño, sen taparmos a pota para que o polbo non tole. Sen estar aínda ben cocido, apágase o lume e déixase repousar como mínimo uns trinta minutos nesa mesma auga para que recoza, amoleza e non tole. Logo córtase en rodas ou en anacos pequenos.

EMPANADA DE POLBO
Para o recheo: 1’5 Kg de polbo cocido
3 cebolas
2 dentes de allo
2 pementos verdes
1 pemento vermello
1 cullerada de pemento dóce
½ culleriña de pemento picante
2 vasos de aceite
sal
Para a masa: 500 gramos de masa de fariña milla ou de masa de fariña triga

Nunha tixola poñemos a estofar a cebola e os pementos moi picados, engadíndolles despois os allos co sal machacados no almirez. Cando todo esté tenro, bótase o pemento dóce e o picante, dáselle unhas voltiñas e logo engádese o polbo. Déixase enfriar e rechéase a masa estendida con esta zaragallada.
Para o polbo tanto serve a masa feita de fariña de millo como a de fariña triga. De utilizarmos a masa de fariña triga convén reservar un chisco da graxa do rustrido e con ela gramar a masa antes de a estender cun rebolo, ou, a falta de rebolo, cunha botella.


POLBO Á MARIÑEIRA
1’5 Kg de polbo cocido
¾ Kg de patacas
1 cebola grande
1 cullerada de pemento dóce
½ culleriña de café de pemento picante
aceite
sal
Cando o polbo cocido está aínda quente, escórrese en pártese en rodas e anacos pequenos. Póñense as patacas a cocer na auga en que se coceu o polbo. Mentres cocen as patacas, pártese a ceboal en anaquiños ben pequenos, ponse a pochar nunha tixola co pemento dóce e co picante, cando isto xa está cocido no aceite, saltéase o polbo en anacos coa cebola na tixola e sérvese ben quentiño coas patacas xa cocidas e ben quentes.




TORTA DE SANTIAGO OU TORTA DE AMÉNDOA DA NAI DE GORE


TARTA DE SANTIAGO OU TARTA DE AMENDOA
Receita orixinaria da pastelaría La Palma de A Estrada, a través dunha filla.
8 ovos
½ Kg de améndoa moída (O mellor é comprar a améndoa e moela logo)
1/2 Kg de azucre
1 boa cullerada de canela
sal
manteiga

Separamos as claras das xemas e batémolas até lograr un consistente punto de neve. O ideal sería batelas a man, pero se non temos paciencia, tempo, práctica de bater, na batedora eléctrica quedan ben. Botarémoslle unhas areíñas de sal para que o punto de neve quede consistente. Se ao dármoslle a volta ao recipiente en que se bateron, as claras non caen, é que o punto de neve está ben feito... Déixanse á parte. Noutro recipiente bátense a man as xemas mesturadas co sucre, logo engádese a améndoa, reméxese ben, a seguir a canela, e volvemos a remexer.
Engádense as claras a este mexunxe e mestúrase todo moi ben cunha culler ou cun garfo, a eleizón de quen o faga.
O forno debe estar prequentado polo menos durante quince minutos.
Úntase con manteiga un molde redondo, duns tres ou catro centímetros de alto, espolvoréase cun chisco de fariña, bótase o mexunxe, e métese ao forno media hora a 160º centígrados. Procuraremos non abrir o forno mentres coza a tarta para que quede ben cocida, se vemos que se pasa por riba, podemos cubrila cunha folla de aluminio para que non se queime.

Se queremos meterlle o detalliño da cruz das ordes de cabaleiros de Santiago, cubrirémola con azucre lustre debuxando no medio a figura da cruz de Santiago.

EMPANADAS DE POLBO: MASA, COCER O POLBO, MASA DE FARIÑA TRIGA, MASA DE FARIÑA MILLA,


AS EMPANADAS
Galiza é a terra das empanadas, onde desde sempre se fixeron e se fan empanadas de todo tipo. Había unha, que xa non se pode facer, a de papuxas, típica de Monforte de Lemos: As papuxas eran uns paxariños que existían nas ribeiras do río Cabe, pero que xa non os hai, co cal se perdeu o prato e tamén se perderon as pobres aves... que desapareceron de Monforte e da comarca do Lemos.
Propias de Lugo e de grande parte da Galicia fluvial son as de anguía. Nas Rías Baixas fanse de croques ou berberechos e de vieiras, con masa de fariña milla. Unha das máis celebradas é a de raxo de porco que, xunto coa de zorza, nunca deben levar cebola. E non esquezamos as de lamprea, sobretodo en Caldas, lampreas do Río Umia. A máis popular da Galiza mariñeira é a de xoubas con moita zaragallada ou salsa de tomate, pimentos verdes, cebola... Sen esquecermos a de congro, recheada coa parte aberta deste peixe, a de mexillón, a de bacallao, con ou sen uvas pasas....Nas casas grandes da Terra Cha comíase de lebre... e en Noia son famosas a de croques e a de polbo....

O POLBO

O polbo chegaba a Lugo, Ourense, Monterroso, O Carballiño, procedente de Mugardos, de Bueu, de Muros, das vilas mariñeiras da Ría da Arousa..., onde aínda vemos dornas polbeiras, iguais ás do século XVII, propias para pescar estes octópodos.
Antigamente a maior parte do polbo que se comía nas feiras da Galiza interior era seco, secado nos sequeiros das vilas mariñeiras, á beira do mar, ao sol e ao vento.... mais agora non o damos encontrado seco, porque o que corre habitualmente é o polbo conxelado, xa que o fresco hai que mazalo moito ou conxelalo. A grande dificuldade é conseguilo das rías galegas, case todo ven de Namibia ou de Mozambique...
As mulleres que mellor o sabían cocer nas feiras eran as polbeiras do Carballiño ou de Sarria, e aínda hoxe o tradicional das festas do San Froilán en Lugo é ir tomar o polbo ás casetas do recinto feiral... En Ourense capital e nos seus concellos limítrofes os domingos pola mañá vemos as polbeiras cocéndoo e vendéndoo.
Cando o polbo é fresco, recén sacado do mar, hai que mazalo antes de o cocer, xa cunha pedra, xa colléndoo pola bolsa da cabeza ou batuxándoo contra unhas rochas ou contra as pedras do peirao. Xa se di que o sabor do polbo todo está na mazada, pero sempre ben cocido, ben aceitado, ben pimentado e con sal gordo para que tire do viño....


PARA COCER O POLBO
1 polbo de 1’5 Kg
4 litros de auga
1 cebola
2 culleradas de sal

Ponse a ferver a auga co sal nunha cazola de cobre, mais, de non a termos deste material, cómpre botarlle un anaco de cobre, reservado xa para estas ocasións. Cando a auga ferva, bótase a cebola e o polbo, mazado e limpo se é fresco, ou desconxelado e limpo se é conxelado. Déixase cocer arredor de 30 ou 40 minutos, dependendo do tamaño, sen taparmos a pota para que o polbo non tole. Sen estar aínda ben cocido, apágase o lume e déixase repousar como mínimo uns trinta minutos nesa mesma auga para que recoza, amoleza e non tole. Logo córtase en rodas ou en anacos pequenos.

EMPANADA DE POLBO
Para o recheo: 1’5 Kg de polbo cocido
3 cebolas
2 dentes de allo
2 pementos verdes
1 pemento vermello
1 cullerada de pemento dóce
½ culleriña de pemento picante
2 vasos de aceite
sal
Para a masa: 500 gramos de masa de fariña milla ou de masa de fariña triga

Nunha tixola poñemos a estofar a cebola e os pementos moi picados, engadíndolles despois os allos co sal machacados no almirez. Cando todo esté tenro, bótase o pemento dóce e o picante, dáselle unhas voltiñas e logo engádese o polbo. Déixase enfriar e rechéase a masa estendida con esta zaragallada.
Para o polbo tanto serve a masa feita de fariña de millo como a de fariña triga. De utilizarmos a masa de fariña triga convén reservar un chisco da graxa do rustrido e con ela gramar a masa antes de a estender cun rebolo, ou, a falta de rebolo, cunha botella.

MASA DE FARIÑA TRIGA PARA EMPANADAS

600 gramos aproximadamente de fariña triga
50 gramos de levadura da panaderia

1 vaso de auga morna
1 vaso grande de aceite
1 vaso de leite
1 vaso de viño branco
salsafrán
1 ovo (se é de bacallau ou de carne)
1 ovo para pintala
sal
Desfacemos a levadura na auga morna co sal. Nunha mesa de mármore, colócase a fariña nun monte e fáiselle un oco no centro, onde se botarán o resto dos ingredientes.
Amásase collendo pouco a pouco a fariña dos bordes e unha vez todo isto mesturado, esténdese a masa e recóllese coa man formando un monte, que volvemos a estender e a recoller até que estea todo ben ligado. De pegársenos a masa ás mans ou á mesa, cómpre espolvoreala con fariña e repetirmos a operación até que non se nos pegue.
Formamos dous montiños coa masa e deixámola repousar, coberta cun trapo limpo e colocada perto de algo de caloriña nun sitio algo morno.Pódese meter no forno quente entre 30º ou 40º e coa porta aberta para que non coza. Costuma a tardar en levedar cousa de hora e media. Se prememos a masa e esta volve a subir formando uns buraquiños pequechos, é sinal de que está no seu punto.
Na mesa espolvoreada de fariña estendemos a masa cun rebolo ou cunha botella e untámola un chisquiño coas mans molladas en auga con salsafrán. Colocamos esta masa sobre papel, lata ou placa de forno engraxados, recheamos coa zaragallada que temos xa preparada, neste caso co polbo, volvemos a impregnar a parte da capa que vai quedar para dentro coas mans untadas de salsafrán, cubrimos a empada e, unha vez adornada e pintada con ovo batido mesturado con auga, e no forno prequentado, metémola durante 40 minutos a 180º de temperatura até que esté dourada. Cómpre non esquecer facer un buraco no meio da empada, como se dun embigo se tratase, para que a empada poida respirar e non se hinche.
Se nos sobra masa, ou se facemos porque nos sobre, podemos colocarlle por riba uns pauciños alongados de lado a lado, adornando a empada, e que, ao cocerse churruscadiños, farán as delicias dos máis peques da casa, ou dos maiores...

MASA DE FARIÑA MILLA

400 gramos de fariña milla
200 gramos de fariña de trigo
1 taza de auga morna
40 gramos de levadura da panadería
1 cullerada de sal
1 ovo
1 dl de viño branco
½ decilitro de leite morno
½ decilitro de aceite

Mestúranse as fariñas, colócanse en forma de monte enriba dunha mesa de mármore, facéndolle un furado no medio. Eslúese o sal na auga e mesturámolo co leite, o ovo, o aceite e o viño. Botamos todo no medio da fariña e amasamos ben até que se obteña unha masa lisa sen bolos, que deixaremos repousar coberta cun pano e perto dun sitio morno, unhas dúas horas.
A seguir, procédese a estendela e a recheala coa zaragallada igual que coa masa de fariña triga e métese no forno durante 40 minutos a 180º de temperatura, facendo o furadiño no centro da empada.


PATACAS AO XEITO DO MEU CURMÁN CARLOS OU PATACAS PICANTES ENFORNADAS

 PATACAS AO XEITO DO MEU CURMÁN CARLOS
(PATACAS PICANTES ENFORNADAS)

Orixinarias dos Andes, no sul do Perú, as patacas arriban no século XVI, máis unha novidade consecuencia das descobertas. A primeira mención en Galiza é de 1574, e o seu cultivo prolifera a partir de 1760. Substitúen paulatinamente as castañas e o millo miúdo, base da dieta dos nosos devanceiros, chegando a ser elemento básico a fins do XVIII.
Do cruce de pápa (da lingua quechua, nos Andes) con batata (do taíno, das Antillas) provén a palabra "pataca" que, en certas zonas, se chama "baloca", "castaña", "castaña de terra" ou "castaña da mariña", apoñéndolle o nome do produto xa coñecido.
Hai pouco introduciuse o cultivo da planta dos chaiotes, provenientes de Sudamérica, e nalgúns lugares de Galiza denomínanse "patacas do aire" ou "patacas do ar".
A receita forneceuma o meu curmán Carlos, fillo do meu tío Antonio, un dos moitos galegos emigrados a Buenos Aires na década dos trinta do século pasado. Carlos apareceu de súpeto na nosa vida, un fillo de emigrantes pretendendo encontrar a súa orixe. Logo de moita busca, achou a súa familia paterna no 2001. Entre todo o que nos deixou, as "patacas ao xeito de Carlos" son desde aquela o noso acompañante preferido para carnes.

Ingredientes
1 Kg de patacas grandeiras
pemento picante
pemento doce
1 dl de aceite de oliva
sal

Tempo
Sobre 10 minutos de preparación e 45 minutos de forno.

Xeito de preparación
 

Cortamos as patacas en láminas gordechas, sobre centímetro e medio de grosor. Salgámolas por ambos os dous lados. 

 
Á parte, nunha cunca, mestúrase o aceite cunha cullerada sopeira de pemento picante e outra de pemento doce. 
 
Mergullamos cada anaco de pataca na cunca e remollámolo ben polos dous lados na mestura do aceite co pemento.
Colócanse nunha bandexa e métense no forno prequente a 180º durante 45 min. 
 
Quedan por fóra cunha costra dura e moles por dentro.
 

Notas
Serven para acompañar carnes enfornadas (año, vaca, porco, coello...), guisadas ou fritas, ou mesmo as patacas soas de pincho cun viño tinto.
Segundo o gusto, variamos as cantidades de pemento, mesturando doce e picante, até obter as dúas culleradas.
Pódense asar ao tempo que a carne.

MASA DA EMPANADA DE PURI DE LUGO

MASA DA EMPANADA DE PURI DE LUGO

Ingredientes:

1 vaso de auga quente con sal
1/2 Kg de fariña
2 ovos
1/2 pocillo de aceite

Nun recipiente, bótase a fariña coándoa nun coador para que se airee. Logo engádese o vaso de auga quente co sal, mellor medio vaso, e logo bótase un chisco máis de auga, se é preciso, vaise remexendo cunha culler de pau, porque ao principio, coa auga a ferver, queima un pouco ao remexer. A continuación vai o aceite e os ovos, reméxese e amásase todo moi ben, engadindo fariña se é preciso.
Esta masa non leveda, porque non leva levadura.
Esténdese a masa cun rebolo ou cunha botella, que fai as veces, colócase na empanadeira cun papel de forno por debaixo.
A zaragallada ten que ir en frío, mellor do día anterior:
queixo con xamón
grelos con chourizo
grelos con lacón
zorza
o que se queira....

A tapa de arriba da empanada (non sei como se lle chama en francés, pero tamén non o sei en galego, desculpade...) úntase con aceite ou con ovo batido antes de metela no forno.

Métese no forno prequente máis ou menos unha hora a 180 graos.

SALMÓN FRÍO DE RICUCHA

SALMÓN FRÍO RIO MIÑO DE RICUCHA

Ingredientes:
Toros de salmón, cebola en rodelas, allos en lonchas, 1/2 vaso de aceite, 1 vaso de vinagre, 1 vaso e medio de viño branco, pirixel, pementa negra en grao, sal, loureiro

Xeito de facelo:
Ponse no fondo da pota a cebola cubrindo a base, enriba o salmón salgado, os allos por riba e sobretodo polas beiras, bótaselle a pementa e polos lados o loureiro. Pónselle pirixel abundante e bótaselle o aceite, o vinagre e o viño. Ponse ao lume e férvese durante 15 minutos. Déixase enfriar na pota.

TORTA SEFARDÍ DE GARAVANZOS


TORTA SEFARDÍ DE GARAVANZOS

Os legumes máis tradicionais na nosa cociña son fabas, garavanzos e lentellas. Coas fabas facíase na miña casa "potaxe" e cos garavanzos "callos", tanto así que tardamos anos en aprender que os legumes se chamaban garavanzos, non "callos".
Non coñecía o seu uso para pratos doces até atopar esta receita, escoitando Radio "Sefarad", nome co que os descendentes dos xudeos expulsados en 1492 de España e Portugal, identifican a Península Ibérica. Sefardís son eles e tamén o seu dialecto, que tivemos ocasión de escoitar no Grande Bazar de Istanbul e noutros lugares de Turquía.
A torta pareceume curiosa e, cando a poño de sobremesa, xogamos a adiviñar os ingredientes. Atinan con case todos, agás un, os garavanzos.

Tempo
15 minutos de preparación e 50 minutos de forno

Ingredientes
.- 1 rebanda pequena de pan, a cantidade dunha cunca de café con leite, remollada en leite ou en iogurte natural
.- 400 gr de garavanzos cocidos
.- 175 gr de azucre
.- a corteza ralada de 1 limón, mesturada con canela ou vainilla (un ingrediente anula o outro)
.- 5 ovos

Xeito de preparación:
1.- Esmígase e remóllase o pan no leite ou no iogurte.
2.- Escorremos os garavanzos cocidos, métense nun bol fondo, bótaselles o azucre, a raladura do limón coa canela ou coa vainilla, o pan remollado no leite, os ovos.
3.- Tritúrase todo co batedor ata quedar un líquido cremoso.
4.- Úntase un molde con manteiga ou con aceite e salfíreselle un pouco de azucre polas paredes, ou cóbrese cun papel de forno. Eu prefiro esta opción, porque é máis doado desmoldalo e nunca se pega.
Bótase no molde o líquido cremoso, ponse a cocer a baño maría no forno prequente a 160º durante 50 minutos. Sobe moito e logo baixa. Pínchase cunha agulla para sabermos se está cocido, debe saír seca.
3.- Sácase o pastel do forno e déixase arrefecer.
4.- Pódese presentar así ou recoberto de azucre moído, que lle fornece un aspecto máis chamativo.


Notas
Cómpre botar o azucre moído ao servirmos a torta, para que non desapareza, absorbido polo pastel.
Poden ser garavanzos cocidos de bote, hainos en calquer tenda. Máis saboroso é cocelos nós, logo dun remollo de como mínimo doce horas. Na ola rápida, logo de comezar a asubiar, chegan 25 min de cocción. Nunha pota normal, precisan sobre dúas horas desde o comezo do fervor.

mércores, 9 de novembro de 2016

CHAMPIÑÓNS RECHEOS DE PILI-SECRETARÍA

CHAMPIÑÓNS RECHEOS DE PILI-SECRETARÍA

Ingredientes

.- champiñóns grandes
.- aceite
.- unha cebola e media
.- allos
.- dúas ou tres lonchas de xamón cocido
.- dúas ou tres lonchas de xamón serrano
.- sal
.- ½ vaso de viño branco
.- pementa branca moída

Como facelos

Lavamos os champiñóns e arrincámoslles o pedúnculo ou pé. Cortamos todos os pedúnculos en anaquiños pequenos.
Nunha tixola botamos un chisco de aceite e cocemos alí unha das cebolas moi picadiña. Engadimos os pés dos champis en anaquiños, e as dúas ou tres lonchas de xamón cocido en anacos pequeniños tamén. Reméxese todo xunto e refógase ben. Frita esta zaragallada, rechéanse con ela os champiñóns e bótaselles unha “chispiña” de pementa branca e de sal. RESÉRVANSE.
Nun pouco de aceite nunha cazola, pochamos un dente de allo moi picadiño e media cebola moi picada. Logo colocamos dentro da cazola os champiñóns coa zaragallada cara arriba, engadimos medio vaso de viño branco, a poder ser albariño, e non o Don Simón de cartón, e deixamos cocer todo uns quince minutos máis ou menos a lume medio.
No momento de os servir, fritimos as dúas lonchas de xamón serrano moi picadiñas e adornados cada champiñón cos triscos de xamón resultantes.



TORTA DE QUEIXO COCIDA


TORTA DE QUEIXO COCIDA

Ingredientes

.- 2 iogurtes naturais
.- 2 medidas de fariña
.- 2 medidas de azucre
.- 2 medidas de nata líquida
.- 2 medidas de leite enteiro ou semidesnatado
.- 8 queixiños tipo “caserío” ou 100 gramos de queixo de untar
.- 6 ovos
A “medida” reférese ao vaso do iogurte.

Como facela

Mestúrase todo coa batedora. Úntase o molde con manteiga ou margarina. Bótase toda a mestura no molde, métese no forno prequentado.
Tempo moi aproximado de cocción: 45 minutos a 200º C (Celsius) de temperatura.


LAGOSTIÑOS Á LARANXA E AO LIMÓN

LAGOSTIÑOS Á LARANXA E AO LIMÓN

Ingredientes

.- 500 gramos de lagostiños
.- 1 laranxa mediana
.- medio limón mediano
.- 1 copa de coñá
.- un chisco de sal
.- tres dentes de allo
.- aceite

Como facelos

Nunha pota, botamos o aceite, fritimos os dentes de allo fileteados, botamos os lagostiños, o sal, o coñá. A laranxa e o limón, coa tona incluída, sen mondar, van cortados en gaios para que solten o zume. Déixanse facer a lume mediano durante uns dez minutos. Sérvense quentes, botándolle o mollo por riba.

PASTEL DE CABRACHO

PASTEL DE CABRACHO

Ingredientes

.- 1 cabracho de aproximadamente 1 Kg. de peso
.- 1 bote de salsa de tomate (sobre 200 gr. aproximadamente)
.- 3 ovos
.- 2 centilitros de nata aproximadamente
.- un chisco de sal
.- manteiga para untar un molde (flaneira)
.- maionesa para cubrir
.- leituga para cubrir

Como facelo

Limpo o cabracho, cócese durante 15 minutos a proximadamente. Cando estea morno, para non queimármonos, retíranselle todas as espiñas e a pel, a carne esmiúzase ben.
Mestúranse na batedora os ovos*, o peixe ben esmiuzado, a salsa de tomate e a nata líquida. Esta “zaragallada” bótase nun molde untado con manteiga.
Prequentado o forno, cócese uns trinta minutos a 180º C.
Déixase enfriar, desmóldase o pastel. Pódese servir morno ou frío, adornado con leituga e coberto con maionesa.

Opcionalmente pódeselle engadir trufa, pementa branca ou eneldo.

*Nota: para mellorarmos a “zaragallada”, no canto de bater simplemente os ovos, podemos separar as claras das xemas, bater as xemas soas, bater as claras a punto de neve e, logo, xuntalas coa nata, a salsa de tomate e o peixe esmiuzado.

TORTA DE VERDURAS

INGREDIENTES TORTA DE VERDURAS

1 paquete de masa de follado, masa quebrada ou masa brisa
4 ovos
250 cl de leite
sal
pementa
150 gr de queixo parmesano ralado ou ben 3 lonchas de queixo de derreter
50 gr de taquiños de xamón serrano, panceta  ou xamón cocido
verduras, as que queiras: xudías, chícharos, cenorias, cabaciño, allos porros....

Cócense as verduras separadamente con sal a gusto. Moi importante cocer as verduras separadamente
No molde esténdese a masa de follado, e pínchase bastante cun garfo para que non levante.
Mestúranse nun recipiente os catro ovos batidos co LEITE FRÍO, bótase sal e pimenta a gusto. Métense dentro as verduras que se queira, (chícharos, xudías, cenoria...), o queixo ralado ou as 3 lonchas de queixo en anacos pequenos. Reméxese todo un pouco, bótase esta zaragallada enriba da masa, colocada no molde e ben pinchada. Engádenselle os taquiños de xamón.
Co forno prequente, cócese a 180º durante 30 ou 40 minutos, todo debe estar
callado e a masa cocida. Pódese tomar quente ou frío.