mércores, 14 de decembro de 2016

TORTA DE SANTIAGO OU TORTA DE AMÉNDOA DA NAI DE GORE


TARTA DE SANTIAGO OU TARTA DE AMENDOA
Receita orixinaria da pastelaría La Palma de A Estrada, a través dunha filla.
8 ovos
½ Kg de améndoa moída (O mellor é comprar a améndoa e moela logo)
1/2 Kg de azucre
1 boa cullerada de canela
sal
manteiga

Separamos as claras das xemas e batémolas até lograr un consistente punto de neve. O ideal sería batelas a man, pero se non temos paciencia, tempo, práctica de bater, na batedora eléctrica quedan ben. Botarémoslle unhas areíñas de sal para que o punto de neve quede consistente. Se ao dármoslle a volta ao recipiente en que se bateron, as claras non caen, é que o punto de neve está ben feito... Déixanse á parte. Noutro recipiente bátense a man as xemas mesturadas co sucre, logo engádese a améndoa, reméxese ben, a seguir a canela, e volvemos a remexer.
Engádense as claras a este mexunxe e mestúrase todo moi ben cunha culler ou cun garfo, a eleizón de quen o faga.
O forno debe estar prequentado polo menos durante quince minutos.
Úntase con manteiga un molde redondo, duns tres ou catro centímetros de alto, espolvoréase cun chisco de fariña, bótase o mexunxe, e métese ao forno media hora a 160º centígrados. Procuraremos non abrir o forno mentres coza a tarta para que quede ben cocida, se vemos que se pasa por riba, podemos cubrila cunha folla de aluminio para que non se queime.

Se queremos meterlle o detalliño da cruz das ordes de cabaleiros de Santiago, cubrirémola con azucre lustre debuxando no medio a figura da cruz de Santiago.

Ningún comentario:

Publicar un comentario