domingo, 22 de decembro de 2019

MOLLO PICANTE PARA PATACAS BRAVAS E TIGRES RABIOSOS!!!!!!

MOLLO PICANTE

Con esta salsa poden facerse patacas bravas ou tigres rabiosos (mexillóns picantes).

Ingredientes do mollo:
1 cebola grandeira
2 dentes de allo
1 cullerada de pemento doce
1 cullerada de pemento picante
1 chile
400 g de tomate triturado ou salsa de tomate
sal
aceite de oliva
8 g de azucre (opcional)



Elaboración:
Depelicamos e picamos miúda a cebola e o allo. Nunha tixola a lume suave, quéntase o aceite e cocemos a cebola durante 10 ou 15 min, até que amoleza e comece a acadar unha cor dourada. Engádense os allos, o pemento doce e o picante, o chile esmiuzado, o sal, o tomate e reméxese.
Cocíñase a lume lento 10 min. e pásase polo batedor, até obtermos un mollo espeso.
Se resulta moi denso, engadimos aceite de oliva virxe e reméxese.
De ser moi líquido, para espesalo, ponse de novo ao lume, bótase unha cullerada de pan relado, méxese e cociña 5 min.

Para patacas bravas, ingredientes:
1 Kg de patacas
aceite
sal
mollo
Depelícanse e córtanse en cadrados as patacas, sálganse e frítense en aceite quente. Frixidas, sácanse da tixola, escórrense, cóbrense coa salsa e sérvense ben quentes.

Para tigres rabiosos, ingredientes:
1 Kg de mexillóns
4 follas de loureiro
mollo
Logo de raspar e lavar os mexillóns, ábrense ao vapor, poñendo a lume alto unha tixola ou pota grande. Bótase o loureiro, sen engadir ningún tipo de líquido.
No recipiente quente, colócase unha capa de mexillóns que cubra o fondo. Co lume alto, deixamos que abran e cozan, mexendo a tixola ou pota.
Abertos e cocidos ao gusto (máis ou menos crus), retíranse a unha prata. Repítese o proceso até acabalos, os propios mexillóns van soltando algunha auga que serve para axudar a cocción dos outros.
Opción 1: Quitar unha das cunchas do bivalvo, deixar na outra a carne, estender o mollo por riba.
Opción 2: Retíranse os mexillóns das súas cunchas. Nun prato, cóbrense coa salsa.
Sérvense quentes ou fríos.

Notas:
De usar tomate fresco triturado, convén engadir unha cullerada de azucre para tirar a acidez do tomate.
De empregar salsa de tomate, non precisa do azucre.
De sobrar mollo, pode gardarse na neveira nun bote cerrado hermeticamente.

mércores, 24 de abril de 2019

TORTIÑAS DE GARAVANZOS E CABACIÑO

TORTIÑAS DE GARAVANZOS E CABACIÑO

Cando non queremos consumir carne (ou tanta carne), hai alternativas saborosas, aínda que máis laboriosas: os garavanzos proporcionan un alto contido de carbohidratos, de fibra e unha porcentaxe elevada de proteínas vexetais.

Ingredientes

.- Das tortiñas
300 g de garavanzos
1 dente de allo
1 cabaciño
1 ceboleta
1 culleradiña de comiño moído
pirixel
1 ovo
3 culleradas de fariña
3 culleradas de pan relado
aceite de oliva
pementa
sal

.- Do mollo
1 iogurte natural
6 follas de menta
1 cullerada de AOVE (aceite de oliva virxe extra)
pementa
sal




Elaboración

.- Do mollo
- Bátese o iogurte co aceite, a menta picada e un chisco de sal e pementa. Repousa no frigorífico.

.- Das tortiñas
- Póñense os garavanzos en remollo na véspera para amolecelos. Escórrense e bótanse en auga a ferver con sal para coceren sobre 2 horas, até estaren tenros. Ben escorridos, esmáganse até obter un puré homoxéneo.
- Lavamos e, sen mondalo, relamos o cabaciño, que debe repousar 20 min. Apertámolo coas mans para que solte a auga. Pélase e pícase finamente a ceboleta, o allo e o pirixel.
- Mestúrase o puré de garavanzos co picado de ceboleta, allo, cabaciño e pirixel. Salgamos e sazóase coa pementa e o comiño.
- Agrégase o ovo batido, o pan relado, a fariña peneirada. Mesturamos ben e deixamos repousar na neveira unha hora para que a masa asente.
- Sepárase a masa en porcións e formamos tortiñas esmagándoas coas mans. Nunha tixola co aceite ben quente, frítense por tandas de 3 ou 4 durante un minuto por cada lado.
- Escórrense e sérvense co mollo.

Notas
. Poden ser garavanzos cocidos de bote. Máis saboroso é cocelos nós, tras un remollo mínimo de 12 horas. Na ola rápida, logo de comezar a asubiar, chegan 25 min de cocción. Nunha tradicional, precisan sobre 2 horas desde o comezo do fervor, sempre cobertos por auga. De precisar máis auga, debe estar quente ou a ferver, para que os garavanzos non endurezan.
. De preparar a masa na véspera da fritura, fica máis asentada.
. Consérvase perfectamente no frigorífico até 5 días.
. Para saíren as tortiñas do mesmo tamaño, recórtanse cun aro ou vaso.


Curiosidade
Menú do banquete celebrado en honra de Manuel Murguía o 2 de marzo de 1909 na Coruña.



CROQUETAS DE ESPINACAS E PIÑÓNS OU NOCES

CROQUETAS DE ESPINACAS E PIÑÓNS OU NOCES

Deliciosas mais laboriosas!


Ingredientes

. Da masa

400 g de espinacas frescas ou conxeladas
200 g de queixo (ao gusto), relado ou dadiños
1 cebola mediana
1 dente de allo
600 ml de leite
75 g de fariña
3 culleradas de manteiga
Aceite de oliva
Sal
Pementa moída
Noz moscada
100 g de piñóns ou noces

. Do rebozado

Fariña
Ovo batido
Pan relado




Elaboración
- Ponse a lume forte unha pota con auga e sal. Ao comezar o fervor, bótanse as espinacas lavadas e cocen 10 min desde que a auga volve a ferver. Escórrense e pícanse.
- A lume medio, douramos os piñóns na tixola até obter unha cor tostada.
- Nun recipiente, con 4 culleradas de aceite fritimos a lume medio cebola e allo picados moi finos.
- Agrégaselle a manteiga e a fariña peneirada, para non formar bolos, mexendo 2 min. Xa a lume suave, van as espinacas, reméxese, logo aos poucos o leite quente ou morno, sal, pementa, noz moscada, movendo arreo até obtermos unha bechamel espesa, que coce 20 ou 25 min.
- A masa está lista se ao remover se fan sucos que deixan ver o fondo.
- Fóra do lume, engádese o queixo e os piñóns ou noces, reméxese e esténdese a masa no molde para arrefriar a temperatura ambiente. Logo repousa unhas horas na neveira.
- Fórmanse as croquetas, rebózanse en fariña, ovo e pan relado.
- Frítense e sérvense quentes.

Notas
Saen sobre 30 croquetas.
As noces non se douran.
Importante: usar culler de pau todo o proceso para non se pegar a bechamel.
Conxelan ben.

Darlles forma:
- coa man: aconsellábel usar luvas.
- con dúas culleres para redondealas ou con pinzas de xeado.
- con manga pasteleira de boca ancha: métese a masa morna, fanse churros nunha fonte con pan relado abondo. Fría a masa, córtanse porcións do tamaño desexado.

Rebozalas:
- Pásanse por fariña, ovo batido e logo pan relado.
- De rebozalas dúas veces, a cobertura é máis grosa e rompen menos.
- O pan relado groso dá un acabado extra triscante.

Fritilas:
- En cantidades pequenas e case cobertas polo aceite ben quente, entre 175º e 180º: a temperatura é correcta se aparecen burbullas arredor da primeira croqueta ao botala na tixola.

COGOMBRO OU CABACIÑO EN VINAGRE

COGOMBRO OU CABACIÑO EN VINAGRE

Aderezalas con sal e vinagre é un bo xeito de conservar verduras e hortalizas (cogombros, ceboletas, remolacha, couveflor, cenoura, alcaparra, etc...) ou mesmo repolo, berenxena, tomate verde, pemento, apio...
O vinagre (entre 6º ou 7º de gradación), ben de viño tinto ou branco, de xerez ou de mazá, matiza o sabor e facilita a conservación, mentres o sal fai perder auga a verduras e hortalizas antes de submetelas á acción do vinagre.
Opcionalmente, pódense incorporar ingredientes como azucre (que matiza o sabor do vinagre), herbas aromáticas ou especias, mais a clave é utilizar produtos moi frescos e buscarmos o punto das nosas preferencias: sabor ácido máis ou menos intenso e o toque das distintas herbas.
Esta receita serve tanto para cogombros como para cabaciños.

Ingredientes:
1 cogombro ou 1 cabaciño
sal gordo para maceralo

Ingredientes para o adubo:
120 ml de vinagre de viño branco ou de mazá
60 ml de auga
5 g de sal fino
1 cullerada de azucre
5 boliñas de pementa negra ou mestura de varios tipos
1 culleradiña de chile esmiuzado
aneto ou endro (Anethum graveolens) fresco
1 culleradiña de mostaza
1 dente de allo


Elaboración
- Cortamos o cogombro en rodelas moi finas, estendémolo nunha reixa e botámoslle o sal gordo. Déixase macerar 30 min. para que solte a auga.
- Nun recipiente mesturamos os líquidos para o aliño: vinagre, auga, sal e azucre.
- Agregamos as especias (pementa, chile, endro e mostaza), reméxese e resérvase.
- Lavamos o cogombro para quitar os restos do sal. Secámolo.
- Colócanse nun tarro de cristal, deixando libre de cogombros 3 cm até o bordo do bote. Bótase o adubo, apértanse un pouco as rodelas para enchouparen ben, métese o allo pelado e troceado en tres ou catro anacos.
- Cóbrese co líquido case até o bico do bote.
- Tapamos o tarro e deixamos repousar como mínimo 48 horas.

Notas
É factíbel usar case calquer verdura ou hortaliza, sempre que non sexan de folla.
A conserva dura meses pero, aberto o bote, cómpre gardalo na neveira.
Cambiaremos as proporcións de auga e vinagre, consonte prefiramos o sabor máis suave ou máis forte.




FLAN DE ARROZ CON CARAMELO LÍQUIDO

FLAN DE ARROZ CON CARAMELO LÍQUIDO

Co noso agradecimento a Mariajo SanJosé por ternos fornecido estas receitas... e tantas outras...

A gastronomía da Galiza emprega este cereal para diversos guisos e variadísimos pratos. Como sobremesa, a máis estendida e típica son as papas de arroz, pero esta sinxela e saborosa proposta varía a textura e o gusto dos tradicionais flans de ovo.

Tempo: 20 minutos + repouso

A.- Ingredientes e elaboración do flan
A medida é en cuncas de café ou vasos de iogurte:
1 medida de arroz pulverizado ou de fariña de arroz
1'5 de azucre
8 de leite enteiro
1 area de sal
3 ovos


1.- En primeiro lugar, prepárase o caramelo. Reservamos no molde.
2.- Nunha tarteira batemos o leite frío e os ovos. Engádese a fariña de arroz, remexendo até que non fiquen bolos. Logo bótanse o azucre e o sal e revolvemos todos os ingredientes.
3.- A lume medio, cócese a mestura, mexendo de contino para que non se pegue, até que ferva e resulte unha crema espesa.
4.- Deitamos o flan quente no molde caramelizado, déixase arrefriar a temperatura ambiente e, xa frío, repousará na parte baixa do frigorífico dúas horas mínimo.

B.- Ingredientes e preparación do caramelo
4 culleradas de azucre
25 ml de auga
o zume de medio limón

1.- Esténdese o azucre no molde de cristal onde vaiamos servir o flan, botamos a auga e o zume de limón.
2.- Métese o recipiente no microondas 4 minutos á máxima potencia, comprobamos se está feito o caramelo. De non estar, metemos de novo 1 min e así sucesivamente, até que adquira unha cor escura, pero sen queimar o azucre, pois o caramelo queimado amarga, no canto de adozar. (O meu micro tarda 6/7 min).

Notas

Se o recipiente é metálico, faise o caramelo á parte e esténdese no molde.
Podemos usar caramelo líquido comercial.
En vez de comprar a fariña de arroz, nun muíño de café moemos o arroz (que non sexa integral) até resultar un po fino.
O leite desnatado, no canto de enteiro, fai esta sobremesa máis lixeira, pero poténciase o sabor se, en vez de 8 medidas de leite enteiro, botamos 4 de desnatado e outras 4 de nata.
O flan sabe mellor ao outro día, pois gaña co repouso.


CENOURAS EN ALIÑO

CENOURAS EN ALIÑO

A cenoura, raíz comestíbel de diversas cores (laranxa, morada, amarela, tirando a branca...), con abundantes vitaminas e minerais, cultivada como afrodisíaco en Grecia e Roma, consómese de moitas maneiras.
A orixe da receita deste saudábel e pouco calórico aperitivo é árabe ou sefardí, sendo na actualidade unha tapa moi habitual en Andalucía, sobretodo en Cádiz.


Ingredientes

1 Kg cenouras
4 ou 5 dentes de allo
1 cullerada (7,5 ml):
.- de comiño
.- de ourego
1 culleradiña (5 ml):
.- de pemento picante
.- de sal fino para cocer as cenouras
.- de sal gordo
1/2 cunca (60 ml) de vinagre de viño branco
1 cunca de auga (120 ml) da cocción
50 ml de AOVE (Aceite de Oliva Virxe Extra)

Elaboración
1.- Pelamos e despuntamos as cenouras. Cócense co sal fino, até estaren tenras, pero non pasadas.
2.- Mentres cocen, preparamos o adubo, esmagando nun morteiro os allos pelados e en anacos, o sal gordo, o comiño e o ourego. Logo engádese o pemento picante, machucando todo.
3.- Cocidas as cenouras, escorrémolas, separamos unha cunca de auga da cocción e reservamos a outra.
4.- Á mestura do morteiro, engádeselle o vinagre e a cunca de auga, remexendo todo.
5.- Aínda quentes ou xa mornas, toramos as cenouras en rodelas de menos de 1/2 cm. Colócanse nun recipiente, mellor de cristal, con tapa.
6.- Réganse cun chisco de AOVE e cóbrense co aliño mentres están mornas, xa que así collen mellor o condimento... Para aproveitarmos os restos de adubo no morteiro, bótanse 2 culleradas da auga de cocer, reméxese e vértese sobre as cenouras.
7.- Co recipiente tapado, maceran na neveira como mínimo 24 horas.
8.- Sérvense escorridas.

Notas

.- Como aperitivo, soas ou con outras conservas en vinagre.
.- Como gornición, con peixe ou con carne á plancha.
.- De preferir sabores máis suaves, usarase pemento doce no canto do picante e quitamos un dente de allo.
.- De preferírmolas máis fortes, agrégase no morteiro chile esmiuzado, canda o pemento.
.- Ao servilas, se as regamos con AOVE, quedan máis saborosas.
.- O vinagre pode ser de viño branco ou de sidra de mazá.
.- No frigorífico, consérvanse unha semana.

BONITO EMBOTADO EN CRU

BONITO EMBOTADO EN CRU

Non é difícil distinguir o Atún Claro do Atún Branco, as especies da familia dos Túnidos máis cotizadas no mundo culinario:
.- o Atún Branco ou Bonito do Norte (Thunnus alalunga), de exquisito sabor, suave textura e ton branco, de pezas de até 10 Kg de peso, desprázase en primavera dos Azores ao Golfo de Bizkaia onde fica até o outono. A costeira ou campaña do Bonito comeza en xuño e remata en outubro, pescando cos anzós do tradicional palangre ou pincho, garante de calidade e frescura.
.- o Atún Claro (Thunnus albacares), de cor avermellada, sabor moi agradábel, textura menos fina, case 200 Kg de peso por peza, é o túnido máis capturado no mundo coas redes do cerco.
Na Galiza, Burela é a capital do Thunnus Alalunga: só se pode consumir fresco de xuño a outubro, e as etiquetas verdes da Consellaría do Mar garanten a orixe artesanal.
Desde 1985, a A.C. Ledicia organiza a Feira do Bonito (en 2018, a XXXIII) no porto de Burela o 1º sábado de agosto, que coincide co ecuador da costeira.

A forma de consumo máis estendida é a conserva: boa diferenza hai entre a feita na casa e a comercial!


Ingredientes
Un bonito sen espiña nin pel (deberían quedar sobre 3 ou 4 Kg de carne limpa)
sal groso
aceite de oliva 0,4º
botes de cristal esterilizados

Elaboración
1.- Retíranse todas as espiñas e os sangachos (a parte sanguinolenta). Córtase o peixe en bastóns ou trozos que collan nos botes. Cos anacos moi pequenos faremos un tarro de migas.
2.- Colócanse nunha fonte cun chisco de aceite e botámoslle sal groso.
3.- Nos tarros poñemos 2 cm de aceite, recheando até 2 cm do borde co bonito cru, cortado e salgado. Cóbrese co aceite e repousarán 2 ou 3 horas na neveira. De novo, bótase aceite até 0'5 cm. do bico do tarro.
4.- Tápanse os botes e nunha pota, cobertos de auga, férvense 2 horas a baño maria, a lume medio. Para asentar a conserva, deben enfriar na auga e repousar até o día seguinte.
5.- De novo cócense 30 min a baño maria.
6.- Xa fríos, gárdanse como mínimo 3 meses nun lugar escuro, antes de consumir.

Notas
Pode usarse aceite de xirasol, atún e cocer na ola a presión 40 min.