xoves, 22 de outubro de 2020

CREMA VOLTEADA PERUANA

 

CREMA VOLTEADA PERUANA

 

INGREDIENTES

Da crema

leite condensado: 400 ml

leite evaporado: 400 ml

ovos: 4

esencia de vainilla: 1 culleradiña (2'5 ml)

Caramelo

azucre: 120 g

auga: 50 ml

o zume de 1 limón

Elaboración

Nun recipiente de cristal, bótase o azucre, a auga e o zume de limón. Coce 4 min no microondas á máxima potencia, comprobamos se está feito o caramelo. De non estar, cócese minuto a minuto até adquirir unha cor escura, pero sen queimar o azucre: o caramelo queimado amarga, no canto de adozar. (O meu micro tarda 6 ou 7 min).

Acaramélase, cubrindo ben o interior, un molde de flan de oco ou tubo de 22 cm e déixase arrefecer.

Cun batedor de globo, reméxense os ovos co leite condensado, o evaporado e a vainilla.

Escóase a mestura dúas veces para eliminarmos calquera tipo de impureza, moi importante.

Vérquese ao xeito no molde co caramelo frío e cócese a baño maria no forno prequente a 180º por 1 hora e 30 min.

Cando arrefeza, déixase repousar no frigorífico 4 horas mínimo. Desmóldase virándoo e sérvese con caramelo por riba.


Notas

Máis saboroso é feito do día anterior.




UNLLAS DE PORCO COCIDAS

 

UNLLAS DE PORCO COCIDAS

 


Ingredientes por comensal

Unllas de porco salgadas: 1

patacas: 1 grande

grelos: 100 g

chourizo: 1

allo: 1 dente mediano

sal

aceite

pemento doce

Elaboración

Desálganse 24 horas as unllas de porco cubertas de auga fría, mudando a auga cada 8 horas. Raspánselles as posibles sedas.

Na ola a presión cóbrense de auga e cocen 45 min desque comece o fervor.

Lávanse os grelos e depelícanse as patacas.

Nun recipiente, en auga a ferver, cócense os chourizos e os grelos 30 min. Engádense as patacas enteiras, sálgase e coce todo xunto 30 min máis.

Nunha tixola, quéntase o aceite, fritindo a lume suave os allos picados moi miúdos, bótase o pemento doce, reméxese e retírase do lume.

Nunha fonte individualmente colócase a unlla, a pataca, o chourizo e os grelos, sobre os que se bota a allada. Sérvese quente.


CONSOMÉ TRADICIONAL

 

CONSOMÉ TRADICIONAL

Para despois dunha "noite trasnoitada"

 


Ingredientes

      allos porros 2

      cenoiras grandes 2

      cebola 1

      zanco de polo 1

      morrillo ou pescozo de tenreira 250 g.

      Óso de xeonllo de tenreira 1

      Pirixel

      Loureiro 1 folla

      Aceite de oliva virxe extra

      Auga 4 l.

      Sal

Recoméndase un consomé antes de xantares fortes ou mesmo como cea lixeira.

Elaboración

Retírase a pel e a graxa do zanco de polo

Nunha ola grande, quéntanse 4 culleradas de aceite de oliva, dóurase o zanco e a carne de morrillo de tenreira.

Móndase a cebola e córtase en 2 anacos. Lávanse cenoiras e allos porros e pártense en 3 anacos.

Ao dourarse a carne, incorporamos os allos porros, a cenoria, a cebola, loureiro, pirixel, o óso de tenreira, a auga e un pouco de sal. Coce todo 2 horas a lume medio coa ola tapada, retirando de cando en cando a escuma.

Retíranse as carnes, o óso e as verduras. Escóase o líquido para quitar a graxa. Déixase enfriar e retírase a tona de graxa da superficie.

Próbase e rectifícase de sal, pois, de botalo todo ao primeiro, ao reducir o consomé, quedaría salgado. Sérvese quente.

Notas

De querermos maior sabor, redúcese o consomé deixándoo ferver máis tempo.

Para facer sopa, acompañamos coa carne cocida e con fideos.

Para que arrecenda, vai ben un chisco de viño de Xerez.

Pode levar unha xema de ovo crúa, un pouco de xamón picado ou trozos de pan frixido.






GALLETAS DE PLÁTANO E AVEA

 

GALLETAS DE PLÁTANO E AVEA

 

Ingredientes

Plátanos maduros 4

Flocos de avea 3'5 medidas (vaso iogurte)

Canela 1 culler tamaño café (2.5 ml)

Mel 45 ml (3 culleradas de 15 ml)

Froitos secos (pasas de Corinto e arandos)

Elaboración

Pélanse as bananas e esmáganse até obtermos un puré sen bolos.

Engádense os flocos de avea e a canela, mesturamos mexendo cun garfo

Incorporamos o mel e reméxese.

Cunha culler fórmanse bolas e colócanse sobre papel de forno.

Esmáganse as boliñas, redondeámolas dando forma de galleta.

Colócanselles enriba os froitos secos.

No forno prequente a 180º enfórnanse 30 min. Apagado o lume, repousa no forno quente 5 min.

Retíranse do forno, despéganse do papel e colócanse sobre unha reixa para arrefeceren.

Notas

No canto de froitos secos, poden levar améndoa, avelás, noces, anacos de chocolate, que se mesturan coa masa das galletas.

XABARIL GUISADO CON CASTAÑAS

 

XABARIL GUISADO CON CASTAÑAS

Outra receita de Anxo, de canda o seu pai nos agasallaba con carne de xabaril!!!

Ingredientes

Xabaril en anacos 1'5 Kg

Viño tinto 500 ml

Viño branco 500 ml

Castañas depelicadas 250 g

Cenorias 4

Dentes de allo 3

Cebolas grandes 2

Allos porros 3

Pementa negra

Ourego

Pirixel

Tomiño

Sal

Maceración

Nun recipiente co viño tinto introdúcese a carne e a cebola picada. Deixamos que macere durante 2 días, virando cada 8 horas a carne. De ser preciso, para que non seque, botamos máis viño tinto.

Elaboración

Tírase o viño tinto da maceración, escórrese a carne e dóurase en aceite quente a lume manso. Salgamos. Engádese a cebola escorrida, os dentes de allo picados, a pementa negra, o ourego, o tomiño e o pirixel. Friximos 5 min. Régase co viño branco e déixase cocer nel unha hora a lume manso, virando e mexendo de cando en cando.

Limpamos e cortamos en anacos grandes as cenorias e os allos porros. Introdúcense no recipiente onde se fai o xabaril e coce todo 45 min.

Engádense as castañas depelicadas e enteiras, cocen sobre media hora a lume manso, atendendo a que non se desfagan para a presentación á hora de servir.

 

Notas

Esta vez usamos castañas asadas, peladas e conxeladas, que só coceron 10 min. A carne tamén estaba no conxelador.



ESPÁRRAGOS VERDES DA HORTA DE ANXO

 

ESPÁRRAGOS VERDES COCIDOS

Unha receita de Anxo para os espárragos da súa horta desde aqueles tempos do Rodiño...



Ingredientes

Espárragos verdes frescos 300 g

sal

auga

cubiños de xeo (opcional)

Elaboración

Lávanse os espárragos remollándoos en auga dabondo. Límpanse con coidado, cortando ao xeito os talos xusto no lugar onde se pode cravar o coitelo sen imprimirmos demasiada presión. Así refúganse as partes leñosas e duras, conservando intacto o talo tenro e as puntas.

Nun recipiente ponse auga a ferver, a suficiente para cubrilos por completo. Cando alcance o fervor, engádese un puñado de sal e introdúcense os espárragos. De non colleren todos, cócense por quendas. Unha vez no recipiente, desde o novo fervor, de seren delgados cocen 3 minutos, de seren medianeiros cocen 5 minutos, pero de seren grosos, cocerán 7 min.

Mentres cociñan, dispoñemos noutro recipiente auga a temperatura ambiente e reservámola.

Pasado o tempo de cocción, retiramos os espárragos cunha escumadeira e introdúcense no recipiente coa auga fría, á que é posibel engadir uns cubiños de xeo, para cortarmos de golpe a cocción e que manteñan o verdor brillante.

Escórrense e colócanse nunha fonte, acompañados de maionesa ou de aceite de oliva virxe mais queixo parmesano.

mércores, 18 de marzo de 2020

CREMA DE OVO DE ANANÁS CON CARAMELO DE VIOLETA

CREMA DE OVO DE ANANÁS CON CARAMELO DE VIOLETA

Ingredientes:
1 ananás madura
100 gr de azucre moído
4 ovos
200 ml de leite
manteiga
30 gr de caramelos de violeta
30 gr de maicena



No forno frío, nun molde, colócanse sobre papel de cociñar os caramelos ben separados, enfornando a 180º sobre 10 min até fundírense. Retíranse do forno e cóbrense con outro papel, estirándoos co rebolo até ficaren unhas láminas finas.
Depelícase a piña e córtase en rodelas. Cortamos dúas rodelas en dados pequeneiros, que se douran por ambos os dous lados nun recipiente cun chisco de manteiga derretida uns 3 min a lume forte.
Picamos en anacos o resto da ananás e batémola co leite até ficar triturada e líquida. Engádese o azucre moído, os ovos batidos e a maicena, batendo até integrar todos os ingredientes.
Cócese a mestura nunha ola, a lume manso, remexendo até que espese, aproximadamente uns 20 min. Non pode ferver, pois córtase.
Vértese a crema de ovo nos recipientes. Déixase temperar antes de metelos na neveira. Decóranse cos anacos de ananás e as láminas de caramelo violeta antes de servir.