TORTILLA DE PAN
Logo de moitos anos, lembrei as
tortillas de pan da miña infancia e adolescencia. Como recordo
doutros tempos e para experimentar os gustos das novas xeracións,
decidín prepararlle unha ao meu fillo, coa idea de que posibelmente
non lle gustaría. A miña sorpresa foi que lle encantou e que cos
seus amigos foi todo un éxito!
Un prato dos de antes, daquela época
en que se tiraba proveito dos comestibles sobexos. "Boísimas!!!
Facíama a miña avoa!!!" é o comentario máis habitual.
Ademais, cocíñase moito antes que a de patacas e é unha boa
alternativa para o pan reseso.
A
primeira reseña de tortilla de pan, con crema de leite para
amolecelo, aparece no "Novísimo Dicionario-Manual da Arte da
Cociña", publicado en Barcelona en 1854 e escrito por un
discípulo do gastrónomo francés Brillat-Savarin.
Aínda
que pode ser unha sobremesa, na miña casa familiar esta receita de
"reciclaxe" sempre foi prato único para cear.
30
minutos
Ingredientes
250 ml de leite
400 gr de pan
(preferibelmente reseso, pero pode ser fresco)
4 ovos
20 gr de azucre
2 culleradas de
aceite de oliva
Xeito de elaboración
1.- Nun
recipiente batemos os ovos co leite frío.
2.- Esmiuzamos o
pan, tanto a codia como a miga, e botámolo no líquido. Reméxese
cun garfo e déixase repousar 15 min para ficar o pan ben empapado.
De estar excesivamente húmido, escorrémolo un chisco.
3.- Quéntase o
aceite, que cubra o fondo da tixola, a lume medio alto. Deitamos a
mestura, estendémola e igualámola co garfo.
4.- Debe frixir
uns 2 min, ata vermos que a tortilla comeza a despegarse polos
bordes. Virámola e fritimos outros 2 min, repetimos as voltas un par
de veces para que se vaia pasando por ambos os lados sen queimarse,
ata quedar ben callada.
5.- Salferimos a
tortilla con 10 gr de azucre, viramos e friximos un minuto.
6.- Viramos de
novo e botamos no outro lado o resto do azucre, fritimos e dámoslle
a volta dúas veces por cada lado, para que o azucre se pase e se
caramelice, pero sen queimalo.
7.- Servímola
quente.
Notas
De sobrar algún
anaco, pódese tomar fría.
Casa moi ben
acompañada de compota de mazá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario