TORTA DE CENOURA
Unha lembranza para Rosaura
Rodríguez en París e para Xosé Luís Hermo en Italia
O
cultivo da cenoura, orixinaria de Asia e do Mediterráneo, coñecida
por gregos e romanos (aparecen preparacións específicas en "De
re coquinaria", antoloxía de receitas da Roma Imperial,
atribuído a Marco Gavio Apicio) experimenta no séc. XX un forte
crecemento, pois é unha das hortalizas máis producidas no mundo,
con múltiples posibilidades de consumo: crúa, cocida, frita, ao
vapor, en sopas, guisos, ensaladas, pasteis...
En abril de 1991 Anxo trouxo a casa
esta receita, que sempre fai el e, para que resulte máis saborosa,
emprega cenouras firmes e con boa cor e evita as moles ou enrugadas.
Tempo
Sobre 40 min
Cómpre facela o día anterior.
Ingredientes
4 bolos de leite de pastelaría
3/4 Kg de cenoura
1/4 Kg de azucre
1/4 Kg de coco relado
un chupiño de coñac ou similar, ou
viño doce
Elaboración
1.- Mondamos as
cenouras, lávanse e córtanse en anacos medianos. Sen salgalas,
cocémolas 20-25 min, dependendo da dureza.
2.-
Escórreselles a auga, esmáganse, mestúranse co azucre e con 225 gr
do coco, machucando cun garfo ou remexendo todo no batedor. Engádese
o coñac ou viño doce.
3.- Nun molde
desmontábel, coberto con papel de aluminio ou de forno, alternamos
capas: bolo e crema. Os bolos de leite córtanse en dúas rebandas,
colócanse as partes de abaixo formando o fondo da torta. Por riba
esténdese a capa da mestura da cenoura co azucre e co coco, logo a
capa de bolos co azucre cara arriba e unha última capa de cenoura.
Tapamos cun prato e poñemos enriba un peso de 1 Kg, para que a torta
resulte ben compacta. Déixase en repouso unha noite.
4.- Ao día
seguinte, desmóldase e, antes de servila, salferimos o resto do coco
por riba.
Notas
É mellor
esmagar e mesturar a man os ingredientes e non no batedor, pois a
crema resulta máis consistente.
Como o fillo non gosta do coco, substituímolo pola mesma cantidade
de améndoa moída.
Cómpre salferir o coco relado no
momento de servir, pois, de facelo antes, este perde a súa cor
branca. Quédanlle ben froitos secos picados (noz, améndoa,
pistacho...)
Ningún comentario:
Publicar un comentario