TORTA DE SAN PRUDENCIO
A José Carlos, Touro con ascendente en Xémeos, porque lla gustaba tanto....
Da miña infancia e adolescencia en Gasteiz, recordo
con especial afecto a romaría celebrada o 28 de abril, día de San
Prudencio, patrón de Araba. Para honralo, o gremio alavés de
pastelaría ideou e elaborou en 1985 unha sobremesa: esta "torta",
que axiña se convertiu en típica destas datas, xunto cos
perretxikos (cogumelo da especie Calocybe gambosa) e os
caracois.
Ingredientes:
24 sobaos (1/2 kg)
1 litro de nata líquida para montar
3 culleradas de azucre
5 culleradas rasas de cacao puro en po, sen azucre
40 ml de augardente ou crema de augardente
Xeito de preparación:
1.-
Fórrase a base do molde desmontábel con papel de forno e o aro con
filme de plástico, móntase o molde.
2.-
Córtanse os sobaos en dúas rebandas lonxitudinais e colócanse na
base do molde, cóbrense os intersticios con anaquiños, esmáganse
un chisco para formarmos unha capa compacta e, para emborrachala,
salpicamos con 20 ml da augardente ou crema de augardente.
2.-
Móntase 1/2 litro da nata, engadindo as tres culleradas de azucre,
esténdese ben sobre a base de sobaos.
3.- Ponse outra capa de sobaos en rebandas, tapamos os
ocos, salferimos
con 20 ml da augardente. Móntase a nata restante con
3 culleradas do cacao puro e sen azucre. Esténdese esta capa escura
sobre os sobaos e alísase coa
espátula.
4.- Colócase, co bico para abaixo, un vaso de chupiño
no centro da torta. Estendemos ben, coándoas cun coador, dúas
culleradas de cacao puro, cubrindo toda a parte de arriba da torta
cunha capiña de cacao, que vai fornecer o toque amargo. Cun coitelo,
fanse unhas liñas sobre o cacao para marcar as racións.
5.- No centro ponse unha galleta, unha onza de
chocolate, uns bombóns ou unha figuriña de mazapán.
6.- Gárdase no frigorífico como mínimo 12 horas,
desmóldase e sérvese fría.
Notas:
A
base é variábel: galleta esmagada con manteiga, biscoito ou
biscoito xenovés en capas finas, biscoitos de soletilla, salferindo
todos eles con xarope, augardente ou crema de augardente.
No
canto de cacao puro, podemos usar cacao azucrado.
De
querermos reducir a cantidade de alcol, diluímos o licor en auga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario