mércores, 18 de marzo de 2020

SALMÓN RECHEO EN PAPILLOTA


SALMÓN RECHEO EN PAPILLOTA

Ingredientes:
1 salmón aberto en libro e desespiñado, pero coa pel
100 g de xamón curado
200 g de champiñóns laminados
250 de gambas ou lagostiños pelados e crus
aceite
sal
papel de aluminio
manteiga



Preparación:
Na peixaría deben tirar a espiña central. Como sempre queda algunha espiña, arrancámolas con pinza de depilar até que, ao pasar a man, nin se noten nin pinchen.
Úntase con manteiga o papel de aluminio e poñemos o peixe aberto coa pel para abaixo.
Sálgase o salmón e úntase con aceite.
Nunha metade esténdese unha capa de lascas de xamón, por riba outra de champiñóns laminados e logo outra cos lagostiños ou gambas en anacos.
Cérrase o salmón e envólvese en papillota moi fortemente co papel de aluminio.
No forno prequente a 180º ásase durante 45 min.
Retírase o papel e sérvese quente.

Notas:
Esta receita fornecida pola miña biblioteca gastronómica particular, a miña amiga Ricucha, pódese facer con troita asalmonada grande.

TORTA DE CABELO DE ANXO CON XAMÓN

TORTA DE CABELO DE ANXO CON XAMÓN

Ingredientes:
Para o cabelo:
1 cabaza de cidra caiota (froito da cidreira caiota)
azucre (a metade do peso da polpa da cabaza)
1 limón
1 pau de canela

Para a torta:
1 lámina de masa de follado (rectangular ou circular dependendo do molde)
200 g de cabelo de anxo
100 g de xamón curado
1 ovo

Facer o cabelo de anxo:
No forno a 100º metemos a amolecer a cabaza enteira 2 ou 3 horas.
Sácase do forno, ponse no vertedeiro e, quente, dáselle un forte golpe ou ábrese cun coitelo para vaciala.
Sepárase a polpa da corteza, retíranse as pebidas. Pésase a polpa. Ponse a cocer a lume manso nunha pota con 1 dl de auga, engádese o limón partido á metade, mexendo de cando en cando para que non pegue, cocerá 30 min. Bótase o azucre e o pau de canela. De novo 30 min a lume baixo, remexendo.
Coa pota tapada, déixase macerar até o día seguinte. Coce de novo 1 hora a lume moi manso, mexendo de cando en cando. Ao arrefecer, retírase o limón e o pau de canela. Se hai algún anaco de polpa que non esfiou, desfaise coas mans.

Montar a torta:
Nun molde, sobre papel de enfornar, estírase a masa, deixando dabondo nas beiras para cerrar a torta. Estendemos unha capa de cabelo, cubrimos coas lascas de xamón partidas en anacos medianos. Dóbranse os lados, estirando a masa para tapar o xamón. Poden ficar anaquiños sen cubrir. Pintamos a torta co ovo batido.
No forno prequente a 200º, enfórnase 45 min. Sérvese quente.

Notas:
A Cucurbita ficifolia (cidreira caiota) dá un froito de forma elipsoide, coa casca verde con manchas brancas, co que se elaboran doces.
De sobrar cabelo, embótase cocéndoo a baño maría 30 min. Gárdase como unha conserva ou conxélase.
Cabe usar cabelo de anxo comercializado.
Moito obrigada á nai de Inés, Miguel e Sara por ternos convidado a degustala por primeira vez.

IOGURTES DE LIMÓN


IOGURTES DE LIMÓN

Ingredientes:
4 iogurtes naturais
1 bote de leite condensado pequeno 370 ml
o zume de 4 limóns
serraduras de tona de limón (opcional)
canela (opcional)




Elaboración:
Mestúranse na batedora os iogurtes, o leite condensado e o zume dos limóns. Repártese a crema en recipientes individuais e deixamos repousar 24 horas no frigorífico.
Ao servir, esparexemos por riba da crema un chisco de canela ou serraduras de tona de limón.

Notas:
Resultan máis saborosos de seren iogurtes caseiros. E máis cremosos se a base son iogurtes gregos.

SÉMOLA CON PIÑÓNS E NOCES


SÉMOLA CON PIÑÓNS E NOCES

Sobremesa de orixe turca, á que nos convidou Luci do Barco alá polos anos noventa.

Ingredientes:
Medida, un vaso de iogurte (125 ml)
1 vaso de leite
1 de auga
1 de sémola de trigo
1/2 vaso de azucre
50 g de piñóns galegos (non chineses) ou noces troceadas
1 cullerada de manteiga
mel ou canela





. Nunha tixola a lume medio derrétese a manteiga. Refogamos nela os piñóns ou noces e a sémola de trigo, remexendo con culler de madeira 5 min até ficar ben tostada.
. No entanto, nun cazo quéntase o leite, a auga e o azucre, sen que chegue a ferver.
. Incorporamos a mestura de liquidos moi ao xeito porque co contraste de temperaturas pode salpicar, mexendo até a sémola absorber todo o líquido.
. Apágase o lume e cóbrese o recipiente cun pano e co testo por riba. Debe repousar unha hora.
. Coa man esfarélase a masa, repártese en cuncas ou pratos e botámoslle o mel ou a canela.

Notas:
É mellor usarmos saborosos piñóns galegos (algo máis caros), pois os chineses (máis baratos) son insulsos e non teñen ningún sabor.
De querérmola máis doce, bótase 1 vaso de azucre.
Dependendo do tamaño dos gránulos de trigo, coñécese como sémola (superior a 0'4 mm) ou semolina (inferior a 0'2 mm).



LOMBO DE PORCO CON ANANÁS

LOMBO DE PORCO CON PIÑA OU ANANÁS

Máis unha das moitas receitas da miña amiga Ricucha.

Ingredientes:
1 lata de piña en almibre de 400 g peso neto
1 Kg de lombo de porco
sal
pementa negra moída
100 ml de aceite de oliva
100 g de entreteto ou touciño entrefebrado afumado

. Salgamos a carne e bótaselle a pementa negra moída.
. Nun recipiente, quéntase 50 ml de aceite. A lume forte e virándoo, dóurase o lombo por ambas as partes durante 5 min para selalo. Xa dourado, reservámolo.
. Nunha bandexa para enfornar, esténdense 50 ml de aceite e colócase a carne.
. Por enriba e polos lados do lombo, cubrímolo coas lascas do entreteto. Sobre o touciño entrefebrado afumado, colócanse as rodelas de piña por enriba e polos lados. Bótase todo o almibre (ou caldo de azucre) da lata.
. No forno prequente a 200º C, ásase durante 1 hora 15 min.
. Compróbase cun pincho se está cocido. De non estalo, enfórnase 15 min máis.
. Sérvese quente, partido en toros.

Notas:
Pódese empregar xamón de porco celta no canto do entreteto.

domingo, 22 de decembro de 2019

CACHELOS RECHEOS

CACHELOS RECHEOS

A indicación xeográfica protexida (IXP) Pataca de Galicia corresponde á especie Solanum tuberosum L., da variedade Kennebec.
Receita de cachelos con recheo de atún e queixo, para cuxa elaboración, cómpre cocelas ou asalas, baldeiralas, rechealas e (volvelas a) enfornar.
Pódense servir de aperitivo, primeiro prato ou simplemente como acompañamento.

Ingredientes

4 patacas medianas
115 gr de atún en conserva
4 liscos de queixo
mozzarella relada
4 culleradas de tomate frito
2 culleradas de AOVE (aceite de oliva virxe extra)
sal
pementa negra
ourego

Elaboración

1. Escóllense patacas de tamaño similar, lávanse ben fretando a tona baixo a billa para eliminar a terra.
2. Secámolas e, sen depelicar, envolvemos cada unha con papel de aluminio.
3. Prequéntase o forno a 200º. Colócanse nun molde e enfórnanse 40 ou 50 min, consonte o tamaño. Para sabermos se están ben cocidas, pínchanse cun escarvadentes.
4. Déixanse arrefecer 10 min, retírase o papel de aluminio e arrefecen outros 10 min. Cortámolas lonxitudinalmente.
5. Cunha culler, baldeiramos cada metade, deixando sen extraer 5 mm de polpa arredor da tona, pois debe quedar carne de pataca dabondo para non romperen ao mondalas ou rechealas.
6. Estonámolas antes de rechear.


7. Nun bol, esmáganse e mestúranse a polpa das patacas, o atún escorrido, o queixo en anacos, o tomate frito, o sal, a pementa negra e o aceite.
8. Recheamos con esta mestura cada metade, cubrindo cada unha cunha xenerosa capa de mozzarella relada, ourego e pementa negra acabada de moer.
9. Prequéntase o forno a 200º. Colocamos as patacas nunha bandexa con papel vexetal e enfórnanse sobre 10 min. Ao fundirse e dourarse o queixo, sácanse do forno.
10. Sérvense acabadas de facer, ben quentiñas.

Notas

Podemos cocer as patacas no microondas ou nunha ola.
Para o recheo é posíbel usar ingredientes variados: carne picada cociñada, xamón, queixos variados, cogumelos, verduras...
Se o recheo nos queda moi espeso, dilúese cun chisco de leite frío.
Empregamos calquer tipo de queixo relado, cheddar ou do que haxa pola neveira.
Resultan ben acompañadas de ensalada mixta.

ROBALIZA CON ACELGAS E PIÑÓNS

ROBALIZA CON ACELGAS E PIÑÓNS

A Guía dos Peixes de Galicia, Ed. Galaxia 1983, achega diferentes denominacións vivas na nosa lingua. Para a robaliza (Dicentrarchus labrax) recolle nomes como reboriza, lamega, balilla, cacheira, chalizo, chasca, tasca, chibana e robalo (este só para robalizas grandes).
Xa case non se pillan robalos (non "róbalos") nin robalizas selvaxes e autóctonas, de sabor exquisito, comercializando en xeral as de piscifactoría.

A acelga cultívase todo o ano e concentra doses inxentes de calcio, potasio e magnesio, minerais que axudan a excretar o sodio, polo que é un poderoso elemento de control da tensión arterial.

Tempo
35 minutos (15 de preparación e 20 de forno)

Ingredientes para 4 persoas
4 robalizas de ración (unha por comensal)
500 g de acelgas
1 cebola

2 dentes de allo
100 g de piñóns
aceite de oliva
sal
pementa negra
50 g de faragullas de pan de millo


Elaboración
Cómpre preparar as robalizas para rechear, sen cabeza, abertas e desespiñadas. É cómodo pedilo na peixería.
Lavamos as acelgas, cortamos follas e pencas en anacos.
Pélase e pártese a cebola moi miúda, fríxese 5 min aprox, a lume medio baixo nunha tixola ampla cun chisco de aceite quente. Cando estea tenra, agréganse os dentes de allo picados, fritindo durante 1 ou 2 min.
Incorporamos as acelgas, remexendo para mesturalas coa cebola e co allo. Coa tixola tapada, refogamos todo 5 min. Bótase sal e pementa e retírase do lume.
Á parte, noutra tixola quente e sen aceite, tórranse os piñóns sobre 1 min mexendo e procurando que non se queimen. Mesturámolos coas acelgas.
Botamos sal e pementa ás robalizas, recheando coas verduras, cerrámolas e colócanse nunha bandexa de forno untada de aceite. Régase cun chorro de aceite de oliva. Por riba estendemos as faragullas de pan de millo, para enriquecer o sabor e que a pel do peixe non se torre.
Co forno prequente a 220º, enfórnanse 20 min.
Sérvense quentes.


Notas
No canto de piñóns, pódense usar froitos secos sen sal (avelás, améndoas) ou sementes (pipas, sésamo...)
Se pescades vós a robaliza ou o robalo, estupendo! Se non queda outro remedio.... de acuicultura!