SÉMOLA
CON PIÑÓNS E NOCES
Sobremesa de orixe turca, á que nos
convidou Luci do Barco alá polos anos noventa.
Ingredientes:
Medida, un vaso de iogurte (125 ml)
1 vaso de leite
1 de auga
1 de sémola de trigo
1/2 vaso de azucre
50 g de piñóns galegos (non chineses)
ou noces troceadas
1 cullerada de manteiga
mel ou canela
. Nunha tixola a lume medio derrétese
a manteiga. Refogamos nela os piñóns ou noces e a sémola de trigo,
remexendo con culler de madeira 5 min até ficar ben tostada.
. No entanto, nun cazo quéntase o
leite, a auga e o azucre, sen que chegue a ferver.
. Incorporamos a mestura de liquidos
moi ao xeito porque co contraste de temperaturas pode salpicar,
mexendo até a sémola absorber todo o líquido.
. Apágase o lume e cóbrese o
recipiente cun pano e co testo por riba. Debe repousar unha hora.
. Coa man esfarélase a masa, repártese
en cuncas ou pratos e botámoslle o mel ou a canela.
Notas:
É mellor usarmos
saborosos piñóns galegos (algo máis caros), pois os chineses (máis
baratos) son insulsos e non teñen ningún sabor.
De querérmola
máis doce, bótase 1 vaso de azucre.
Dependendo do
tamaño dos gránulos de trigo, coñécese como sémola
(superior a 0'4 mm) ou semolina (inferior a 0'2 mm).
Ningún comentario:
Publicar un comentario