mércores, 18 de marzo de 2020

CHUPACHÚS DE TOMATE CEREIXA CARAMELIZADO CON SÉSAMO

CHUPACHÚS DE TOMATE CEREIXA CARAMELIZADO CON SÉSAMO

Obrigada a Puri, enfermeira do HULA, que me pasou a receita!!!!


Ingredientes:

250 g de tomates cereixa
5 culleradas de azucre moreno
3 culleradas de auga
sementes de sésamo
paus para espetadas ou escarvadentes
opcional: 2 rebandas grosas de pan reseso ou un chisco de aceite


Lavados e secos os tomates cereixa, espétaselles o pauciño na parte do pedículo.
Nunha cunca ou vaso bótase o sésamo cunha altura de 4 cm, para somerxer os tomates.
Deitamos a auga e o azucre nunha pota pequena, quentando a lume medio até que comecen a saír burbullas. Cómpre menear o recipiente para mover o caramelo sen usar culler. Ao ferver, consérvase a lume manso.
Erguemos un pouco a pota dun lado para mergullar no xarope cada tomate até a metade, virándoo para que se molle ben. Inmediatamente somérxese nas sementes de sésamo para recubrir a parte caramelizada. Repítese o proceso con cada tomate.
Para servilos, espétanse nunha rebanda grosa de pan reseso ou colócanse nun prato, para o que cómpre untalo cun pouco de aceite antes de depositar os tomates para evitar que se peguen.

Notas:
En vez de sésamo, poden recubrirse de cáñamo, chía, pó de pistacho ou amenda moída.
De seren longos os paus de espetada pártense en dous.

Ningún comentario:

Publicar un comentario