SALSA DE CARAMELO DE MARIAJO PARA REPOSTERIA
Ingredientes:
3/4 culleradas de azucre
auga, xa vas vendo
chorriño de zume de limón
4 minutos no microondas, se non está feito, métese un minuto máis e logo bótase no molde do flan
domingo, 2 de abril de 2017
FARZ BREIZH OU FAR BRETON
FARZ BREIZH ou FARZ BRETON
Aínda que o nome orixinal é FARZ FORN, pastel ao
forno, na casa sempre lle apoñemos o adxectivo "bretón"
para recalcar a súa procedencia, Breizh, unha das moitas nacións
sen estado, mais con rasgos culturais e lingüísticos propios.
Hai moitos anos, Carmen Teixeira e Luisa Pensado,
profesoras de francés, organizaron un intercambio escolar do IES
Eduardo Pondal cun instituto de Lorient. Alí coñecín as escolas
Diwan, que teñen o bretón como lingua veicular do ensino.
Na festa de despedida, os nosos correspondentes bretóns
ofrecéronnos múltiples versións da súa sobremesa típica, o farz
breton, cuxa
receita conseguín haberá uns vinte anos a través da miña
amiga Puri, verinesa en Compostela.
Tamén é posíbel degustar esta delicioso torta na
FEST-NOZ, festa bretoa que, con música, baile e sidra, organiza
todos os anos a Asociación Cultural O Galo na Nave de Vidán en
Compostela.
Ingredientes
175 gr de fariña
100 gr de azucre
1 litro de leite
sal: unha culleriña pequena
4 ovos
250 gr de ameixas pasas sen óso
1 chupiño de ron
té (ou cha) verde ou vermello
manteiga para untar o molde que vai ao forno
Tempo
15 minutos de preparación e
40 de cocción.
Xeito de preparación
Faise o té, déixase arrefecer e nel poñemos a
Nun recipiente, bótase a fariña peneirada, o sal, os
ovos, reméxese cun garfo e mestúrase todo coidadosamente, logo vai
o azucre.
Férvese o leite e vaise verquendo moi ao xeito sobre a
mestura anterior, ao tempo que remexemos: quedará unha pasta suave e
moi líquida, á que se lle engade o ron e as ameixas, ben
escorridas.
Untado coa manteiga o molde para enfornar, bótase a
mestura e lévase ao forno prequente a 180º.
Cócese durante 40 min. A superficie ponse dourada,
mesmo bastante escura. Pinchamos o centro cun garfo, que sairá
limpo, sen restos de crema.
Notas
O farz Breizh ha quedar completamente callado, pero
suave.
Déixase enfriar 3 ou 4 horas, pois hai que servilo
frío.
Tapado cun filme transparente, consérvase na neveira
uns días.
No canto de ameixas, poden usarse mazás, mais o sabor
é moi diferente.
SALMÓN CON AMÉNDOAS
SALMÓN
CON AMÉNDOAS
Os
que somos do Arco, na parroquia de Lérez, e temos certa idade, desde
ben pequenos coñeciamos os salmóns do noso río, que case
desapareceron por mor de non priorizar a riqueza natural fronte a
aproveitamentos cun valor económico limitado. Parafraseando a
Castelao "Os salmóns volverían se os gobernos quixesen".
Aínda
que está tentando recuperarse a especie, hoxe non é fácil comer
salmón do río Lérez. Sen querermos investigar moito en como se
cría, conformámonos co sucedáneo de piscifactorías.
Os
que somos do Arco, na parroquia de Lérez, e temos certa idade,
xogabamos coa morea de fillos e fillas do gardarríos, o noso veciño
Manuel Sánchez, "O Moreno", que vivían nunha casoupa no
fondo do Outeiro. Medramos escoitando historias deste grande
pescador, que nos anos sesenta do século XX, acompañou a pescar o
ditador Franco e facilitoulle a captura de salmóns no río Lérez.
Un salmón aberto en libro e desespiñado, pero coa pel
améndoas
crúas fileteadas
un
limón
aceite
sal
unha
copiña de coñac
150
gr de touciño con febra ou de xamón curado
dous
dentes de allo medianos
TEMPO
30
minutos de preparación e 20 minutos de forno
XEITO DE ELABORAR
Pídese
na peixaría que desespiñen o peixe da espiña central. Como
sempre, sobretodo nos lombos, lle quedan algunhas espiñas, hai que procurar quitarllas
todas. A mellor maneira é tirarllas cunha pinza de depilar, ata
que pasando a man non se noten e non pinchen.
1.- Colócase
o salmón coa pel cara abaixo nun molde para forno untado con aceite. Sálgase e
resérvase.
2.- Nunha
tixola bótase aceite, co aceite morno, o allo moi ben picadiño, o touciño ou o
xamón partido en anacos, as améndoas fileteadas, déixase que vaian
fritindo.
3.- Engádeselles a copiña de coñac e o zume do limón, e
déixase que se frita todo, pero sen queimalo.
4.- Sácase
do lume, resérvase e déixase arrefecer.
5.- Xa
fría a mestura, esténdese moi ben por riba do salmón. Debe
repousar un par de horas antes de enfornar.

6.- Métese no forno prequente a 180º C durante 20 minutos. Sérvese.
Notas
Pode servirse sen acompañamento, pero un puré de
pataca ou un pouco de brócoli cocido quédalle moi ben.
venres, 20 de xaneiro de 2017
ALLOS PORROS GRATINADOS
ALLOS PORROS GRATINADOS
Esta hortaliza seica provén de Mesopotamia, usándose
xa entre os anos 4000 e 3000 a.C en Exipto, Turquía, Israel... para
fins culinarias ou medicinais. Os allos porros aparecen en pinturas
exipcias e nun dos xeroglifos da Grande Pirámide de Giza cítanse
dentro do custo dos legumes consumidos como alimento polos escravos.
O libro "De re coquinaria", un dos escasos
textos conservados sobre gastronomía romana, aínda que atribuído a
Caio Gavio Apicio, patricio da Roma Imperial do século I, é
posterior ao século III e de autor anónimo, contén receitas
elaboradas con allos porros.
Esta preparación forneceuma en
febreiro de 1987 a miña amiga Luisa, profesora de francés, e
compañeira durante tantos anos no IES Eduardo Pondal.
Ingredientes
6 allos porros
2 dl de nata para cociñar
1'5 dl de salsa de tomate (mellor caseira)
50 g de queixo parmesano ralado
sal
Tempo
Sobre 30 minutos de
preparación e 15 min de forno.
Xeito de preparación
Cómpre cortar os talos en sentido lonxitudinal e lavar
moi ben as follas para tirarlles toda a terra. Ademais da parte
branca, pódense aproveitar as partes tenras do porreto.
Pártense en anacos máis ben pequenos (sobre 3 cm) e
cócense en auga cun chisco de sal durante uns 20 min.
Xa cocidos, déixanse arrefecer e escórrense ben.
Cóbrese o fondo dun recipiente coa salsa de tomate,
colócanse ben estendidos os allos porros por enriba. Bótaselles
logo a nata e por riba o queixo parmesano ralado, tamén moi ben
estendido.
Métense no forno prequente a 180º C. Déixanse cocer
e gratinar durante 15 minutos.
Sérvense quentes.
Notas
Os allos porros poden ser frescos ou
conxelados. Cómpre cocelos sen desconxelar, senón a textura empeora
e perden sabor.
O prato resulta máis saboroso de
usarmos salsa de tomate caseira.
Permite preparalo con anterioridade e
cociñalo no forno antes de servir.
Estas plantas tamén se coñecen na
nosa lingua co nome de "porro", sendo a "porreta"
ou "porreto" o seu talo ou folla verde. Para denominalas,
prefiro o substantivo composto "allo porro" e así evitamos
a homonimia con outros significados que nada teñen a ver coas
hortalizas do xénero Allium, como son os allos porros, a cebola, o
allo, o cebolo e a ceboliña.
martes, 10 de xaneiro de 2017
PEZUÑOS DE PORCO ENFORNADOS
PEZUÑOS DE PORCO ENFORNADOS
A
domesticación do porco comeza en Oriente Medio, pois os restos máis
antigos (case 9000 anos) aparecen no noreste de Irak. Seica os
exípcios os soltaban nos campos enlamados para pisaren e enterraren
mellor as sementes do trigo.
O
porco espállase polo mundo na época das descobertas marítimas por
ser base de alimentación da tripulación dos barcos (moitas veces
ían vivos e alimentábanos coas sobras).
Consonte
a zona xeográfica, o macho, a femia ou as crías teñen diferentes
nomes: porco, marrán, cocho, quino, bácoro, bacoriño,
leitón, zacote, corricho, rancho, rello, relo, reco, roxelo...
Aparecen moito na
fala popular, en adiviñas como "Churín,
churín e churín choraban. Caiu a torre e os churíns calaban"
(a
porca e os seus fillos) ou ditos e refráns como
"mamar
polos tetos de diante"
co significado de "estar ben alimentado, coma o leitón que mama
polos tetos dianteiros da porca" ou "mamar
na rolla (teto) de atrás"
cando perdemos unha oportunidade ou estamos en desvantaxe.
Tempo
50
min de cocción e 15 min de forno
Ingredientes
Pezuños, pés,
mans ou uñas de porco salgadasAuga
Aceite
Pemento picante
Améndoas crúas
Allo
Pirixel
Pan ralado
Salsa de tomate caseira
Xeito de preparación
Compramos os pezuños de porco que consideremos necesarios (mínimo un por persoa, veñen habitualmente partidos en dúas metades). Raspámolos ben para quitarlles o sal e as serdas.
Poñémolos a desalgar durante 24 horas, cambiándolles a auga cada 8 horas aproximadamente.
Cócense na ola rápida durante 35 minutos desde que comeza a saír o vapor, ben cobertos de auga. Opcionalmente podemos engadirlles media cebola pelada, 2 dentes de allo pelados, dúas follas de loureiro e un chorro de aceite.
Cando xa están cocidos, retíranse e colócanse nun recipiente para o forno.
Posibilidade 1: Á catalana: Améndoas crúas. Allo. Pirixel. Pan relado
Facemos unha mestura de améndoas crúas, allo e pirixel todo ben esmagado no morteiro ou almirez, como lle chamaba a miña tía. Untamos os pezuños con esta mestura, salferímoslles o pan relado e metémolos no forno prequente a 200ºC durante 15 minutos.

Posibilidade 2:
Á feira: Aceite. Pemento picante
Cando xa están cocidos, retíranse e colócanse nun recipiente para o forno, bótaselles pemento picante e aceite por riba, métense no forno prequente a 200ºC durante 15 minutos.
Posibilidade 3:
Con tomate: Salsa de tomate caseira.
Cando xa están cocidos, retíranse e colócanse nun recipiente para o forno, bótaselles salsa de tomate caseira por riba, métense no forno prequente a 200º C durante 15 minutos.

Notas
Sérvense quentes. Poden acompañarse con arroz ou patacas cocidas, mellor cacheliños.
Os pés, pezuños, uñas ou mans de porco son a parte final das patas do cocho, tanto as traseiras como as dianteiras, xa que non se diferencian.
Non conteñen graxa e a textura xelatinosa débese á cartilaxe e aos seus moitos ósos. Prepáranse frescos ou salgados, en estufados e cocidos, á grella ou guisados.
xoves, 5 de xaneiro de 2017
PEMENTOS RECHEOS DE BACALLAU
PEMENTOS RECHEOS DE BACALLAU
Os pementos, orixinarios de América, introducíronse en Europa a partir do século XV. A variedade de "pementos do piquillo", con Denominación de Orixe e Consello Regulador, é autóctona da zona suroeste de Navarra, habitualmente consómese como entrante ou aperitivo.
Esta receita procede da Rioja Alavesa e forneceuma a miña amiga Irene, compañeira de estudos no Instituto Feminino Federico Baraibar de Vitoria, naqueles tempos dos seis cursos de bacharelato, elemental e superior, mais o ano académico do COU.
Irene aprendeume a facelos alá polo Nadal do ano 1987. Desde aquela, este prato continúa a ser un éxito asegurado cada vez que o poño na mesa.
(Foto: AnxoRL)
Ingredientes
1 lata ou bote de pementos do piquillo
300 grs de bacallau en migas desalgado
1 bote de salsa de tomate en cru (aproximadamente 2 dl)
2 cebolas grandeiras
aceite de oliva
1 chile (pemento pequeno e longo de sabor moi picante)
Tempo
Sobre 30 minutos de
preparación e 15 de cocción.
Xeito de preparación
Picamos en anacos moi miudiños unha das cebolas, nunha
tixola bótase o aceite e ponse a cebola picada a cocer a lume
medio-baixo. Cando xa está case transparente, engádese o bacallau
esmiuzado e déixase que se faga, vai logo a salsa de tomate,
cociñando todo xunto a lume medio como uns cinco minutos. Resérvase
esta zaragallada e déixase arrefecer.
No entanto, quentamos aceite noutra tixola, botamos a
outra cebola moi picadiña, esmiuzamos e mesturámoslle un chile,
fritindo todo a lume medio, para que non se queime.
Rechéanse os pementos coa zaragallada xa fría, e
colócanse enriba da cebola fritida co chile. A lume moi lento,
déixanse ir facendo moi ao xeito durante uns quince minutos,
engadindo como mollo o líquido da lata dos pementos, e mexendo a
tixola de cando en cando para non se pegaren.
Servir quentes.
Notas
Saen máis saborosos de usarmos salsa de tomate
caseira.
O bacallau: en migas ou aproveitar as partes delgadas
das postas, moi ben desespiñadas.
O recheo pode variar: atún ou calquer outro peixe.
Permite preparalos con anterioridade e poñelos ao lume
antes de servir.
martes, 3 de xaneiro de 2017
EMPANADA DE POLBO DA NAI DE BETI
EMPANADA DE POLBO DA NAI DE BETI
Ingredientes:
2.5 Kg de polbo
4 litros de auga
sal gordo
aceite de oliva
pemento dóce e picante
Masa de empanada1.- Ponse a ferver a auga nunha cazola de cobre, mais, de non a termos deste material, cómpre botarlle un anaco de cobre, reservado xa para estas ocasións. Cando comeza a ferver a auga, mergúllase o polbo, mazado e limpo se é fresco, ou desconxelado e limpo se é conxelado. Somérxese por tres veces nesta auga a ferver, metendo e sacando, para que o polbo se "asuste" e cerre os poros.
2.- Logo de ferver a auga de novo, déixase cocer sobre 30 ou 40 minutos, dependendo do tamaño do polbo, sen taparmos a pota para que o polbo non tole. Para saber se está cocido ao noso gusto, córtaselle un rabo e córtaselle un anaco pola parte máis grosa. Próbase e se vemos que non está ben, déixase un chisquiño máis de tempo. Apágase o lume e déixase repousar como mínimo uns trinta minutos nesa mesma auga para que recoza, amoleza e non tole.
3.- Sácase da auga e córtase cunhas tesouras en rodelas finas ou en anacos pequenos, colócase nunha fonte e prepárase como se fose á feira, con sal gordo, pemento dóce e picante e un bo chorro de aceite de oliva virxe.
4.- Nunha tixola con aceite, cócese unha cebola grande e ben picada, a lume lento, ata estar ben cocida no aceite.
5.- Prepárase a masa da empanada, vale moi ben a receita da masa de Puri. Estendemos a metade da masa e estirámola cun rebolo, colocámola sobre un papel de cocción de forno na bandexa e cubrímola coa cebola frita e fría. As zaragalladas das empanadas deben ir sempre en frío.6.- Logo cubrimos a cebola cos anacos do polbo mesturados co aceite, o pemento picante e o sal.

7.- Cóbrese a empanada coa outra metade da masa ben estendida e cérrase polas beiras. Facemos un buraquiño no centro da empanada, para que respire. Úntase co aceite que nos sobrou.
8.- Métese no forno prequente a 180ºC durante unha hora aproximadamente, aínda que, dependendo do forno, pode estar cocida en 45 minutos.
MASA DA EMPANADA DE PURI DE LUGO
Ingredientes:
1 vaso de auga quente con sal
1/2 Kg de fariña
2 ovos
1/2 pocillo de aceite
Xeito de facela:
Nun recipiente, bótase a fariña coándoa nun coador
para que se airee. Logo engádese o vaso de auga quente co sal,
mellor medio vaso, e logo bótase un chisco máis de auga, se é
preciso, vaise remexendo cunha culler de pau, porque ao principio,
coa auga a ferver, queima un pouco ao remexer. A continuación vai o
aceite e os ovos, reméxese e amásase todo moi ben, engadindo fariña
se é preciso.
Esta masa non leveda, porque non leva levadura.
Esténdese a masa cun rebolo ou cunha botella, que fai as veces, colócase na empanadeira cun papel de forno por debaixo.
A zaragallada ten que ir en frío, mellor do día anterior:
queixo con xamón
grelos con chourizo
grelos con lacón
zorza
o que se queira....
A tapa de arriba da empanada (non sei como se lle chama en francés, pero tamén non o sei en galego, desculpade...) úntase con aceite ou con ovo batido antes de metela no forno.
Métese no forno prequente máis ou menos unha hora a 180 graos.
1 vaso de auga quente con sal
1/2 Kg de fariña
2 ovos
1/2 pocillo de aceite
Xeito de facela:
Nun recipiente, bótase a fariña coándoa nun coador
para que se airee. Logo engádese o vaso de auga quente co sal,
mellor medio vaso, e logo bótase un chisco máis de auga, se é
preciso, vaise remexendo cunha culler de pau, porque ao principio,
coa auga a ferver, queima un pouco ao remexer. A continuación vai o
aceite e os ovos, reméxese e amásase todo moi ben, engadindo fariña
se é preciso.Esta masa non leveda, porque non leva levadura.
Esténdese a masa cun rebolo ou cunha botella, que fai as veces, colócase na empanadeira cun papel de forno por debaixo.
A zaragallada ten que ir en frío, mellor do día anterior:
queixo con xamón
grelos con chourizo
grelos con lacón
zorza
o que se queira....
A tapa de arriba da empanada (non sei como se lle chama en francés, pero tamén non o sei en galego, desculpade...) úntase con aceite ou con ovo batido antes de metela no forno.
Métese no forno prequente máis ou menos unha hora a 180 graos.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)












