venres, 20 de xaneiro de 2017

ALLOS PORROS GRATINADOS

ALLOS PORROS GRATINADOS

Esta hortaliza seica provén de Mesopotamia, usándose xa entre os anos 4000 e 3000 a.C en Exipto, Turquía, Israel... para fins culinarias ou medicinais. Os allos porros aparecen en pinturas exipcias e nun dos xeroglifos da Grande Pirámide de Giza cítanse dentro do custo dos legumes consumidos como alimento polos escravos.
O libro "De re coquinaria", un dos escasos textos conservados sobre gastronomía romana, aínda que atribuído a Caio Gavio Apicio, patricio da Roma Imperial do século I, é posterior ao século III e de autor anónimo, contén receitas elaboradas con allos porros.
Esta preparación forneceuma en febreiro de 1987 a miña amiga Luisa, profesora de francés, e compañeira durante tantos anos no IES Eduardo Pondal.
Ingredientes
6 allos porros
2 dl de nata para cociñar
1'5 dl de salsa de tomate (mellor caseira)
50 g de queixo parmesano ralado
sal
Tempo
Sobre 30 minutos de preparación e 15 min de forno.
Xeito de preparación
Cómpre cortar os talos en sentido lonxitudinal e lavar moi ben as follas para tirarlles toda a terra. Ademais da parte branca, pódense aproveitar as partes tenras do porreto.
Pártense en anacos máis ben pequenos (sobre 3 cm) e cócense en auga cun chisco de sal durante uns 20 min.
Xa cocidos, déixanse arrefecer e escórrense ben.
Cóbrese o fondo dun recipiente coa salsa de tomate, colócanse ben estendidos os allos porros por enriba. Bótaselles logo a nata e por riba o queixo parmesano ralado, tamén moi ben estendido.
Métense no forno prequente a 180º C. Déixanse cocer e gratinar durante 15 minutos.
Sérvense quentes.
Notas
Os allos porros poden ser frescos ou conxelados. Cómpre cocelos sen desconxelar, senón a textura empeora e perden sabor.
O prato resulta máis saboroso de usarmos salsa de tomate caseira.
Permite preparalo con anterioridade e cociñalo no forno antes de servir.
Estas plantas tamén se coñecen na nosa lingua co nome de "porro", sendo a "porreta" ou "porreto" o seu talo ou folla verde. Para denominalas, prefiro o substantivo composto "allo porro" e así evitamos a homonimia con outros significados que nada teñen a ver coas hortalizas do xénero Allium, como son os allos porros, a cebola, o allo, o cebolo e a ceboliña.








Ningún comentario:

Publicar un comentario