PEZUÑOS DE PORCO ENFORNADOS
A
domesticación do porco comeza en Oriente Medio, pois os restos máis
antigos (case 9000 anos) aparecen no noreste de Irak. Seica os
exípcios os soltaban nos campos enlamados para pisaren e enterraren
mellor as sementes do trigo.
O
porco espállase polo mundo na época das descobertas marítimas por
ser base de alimentación da tripulación dos barcos (moitas veces
ían vivos e alimentábanos coas sobras).
Consonte
a zona xeográfica, o macho, a femia ou as crías teñen diferentes
nomes: porco, marrán, cocho, quino, bácoro, bacoriño,
leitón, zacote, corricho, rancho, rello, relo, reco, roxelo...
Aparecen moito na
fala popular, en adiviñas como "Churín,
churín e churín choraban. Caiu a torre e os churíns calaban"
(a
porca e os seus fillos) ou ditos e refráns como
"mamar
polos tetos de diante"
co significado de "estar ben alimentado, coma o leitón que mama
polos tetos dianteiros da porca" ou "mamar
na rolla (teto) de atrás"
cando perdemos unha oportunidade ou estamos en desvantaxe.
Tempo
50
min de cocción e 15 min de forno
Ingredientes
Pezuños, pés, mans ou uñas de porco salgadas
Auga
Aceite
Pemento picante
Améndoas crúas
Allo
Pirixel
Pan ralado
Salsa de tomate caseira
Xeito de preparación
Compramos os pezuños de porco que consideremos necesarios (mínimo un por persoa, veñen habitualmente partidos en dúas metades). Raspámolos ben para quitarlles o sal e as serdas.
Poñémolos a desalgar durante 24 horas, cambiándolles a auga cada 8 horas aproximadamente.
Cócense na ola rápida durante 35 minutos desde que comeza a saír o vapor, ben cobertos de auga. Opcionalmente podemos engadirlles media cebola pelada, 2 dentes de allo pelados, dúas follas de loureiro e un chorro de aceite.
Cando xa están cocidos, retíranse e colócanse nun recipiente para o forno.
Posibilidade 1:
Á catalana: Améndoas crúas. Allo. Pirixel. Pan relado
Facemos unha mestura de améndoas crúas, allo e pirixel todo ben esmagado no morteiro ou almirez, como lle chamaba a miña tía. Untamos os pezuños con esta mestura, salferímoslles o pan relado e metémolos no forno prequente a 200ºC durante 15 minutos.
Posibilidade 2:
Á feira: Aceite. Pemento picante
Cando xa están cocidos, retíranse e colócanse nun recipiente para o forno, bótaselles pemento picante e aceite por riba, métense no forno prequente a 200ºC durante 15 minutos.
Posibilidade 3:
Con tomate: Salsa de tomate caseira.
Cando xa están cocidos, retíranse e colócanse nun recipiente para o forno, bótaselles salsa de tomate caseira por riba, métense no forno prequente a 200º C durante 15 minutos.
Notas
Sérvense quentes. Poden acompañarse con arroz ou patacas cocidas, mellor cacheliños.
Os pés, pezuños, uñas ou mans de porco son a parte final das patas do cocho, tanto as traseiras como as dianteiras, xa que non se diferencian.
Non conteñen graxa e a textura xelatinosa débese á cartilaxe e aos seus moitos ósos. Prepáranse frescos ou salgados, en estufados e cocidos, á grella ou guisados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario