domingo, 2 de abril de 2017

SALMÓN CON AMÉNDOAS

SALMÓN CON AMÉNDOAS
Os que somos do Arco, na parroquia de Lérez, e temos certa idade, desde ben pequenos coñeciamos os salmóns do noso río, que case desapareceron por mor de non priorizar a riqueza natural fronte a aproveitamentos cun valor económico limitado. Parafraseando a Castelao "Os salmóns volverían se os gobernos quixesen".
Aínda que está tentando recuperarse a especie, hoxe non é fácil comer salmón do río Lérez. Sen querermos investigar moito en como se cría, conformámonos co sucedáneo de piscifactorías.
Os que somos do Arco, na parroquia de Lérez, e temos certa idade, xogabamos coa morea de fillos e fillas do gardarríos, o noso veciño Manuel Sánchez, "O Moreno", que vivían nunha casoupa no fondo do Outeiro. Medramos escoitando historias deste grande pescador, que nos anos sesenta do século XX, acompañou a pescar o ditador Franco e facilitoulle a captura de salmóns no río Lérez.

INGREDIENTES 

Un salmón aberto en libro e desespiñado, pero coa pel
améndoas crúas fileteadas
un limón
aceite
sal
unha copiña de coñac
150 gr de touciño con febra ou de xamón curado
dous dentes de allo medianos

TEMPO

30 minutos de preparación e 20 minutos de forno


XEITO DE ELABORAR

Pídese na peixaría que desespiñen o peixe da espiña central. Como sempre, sobretodo nos lombos,  lle quedan algunhas espiñas, hai que procurar quitarllas todas. A mellor maneira é tirarllas cunha pinza de depilar, ata que pasando a man non se noten e non pinchen.

1.- Colócase o salmón coa pel cara abaixo nun molde para forno untado con aceite. Sálgase e resérvase.









2.- Nunha tixola bótase aceite, co aceite morno,  o allo moi ben picadiño, o touciño ou o xamón partido en anacos, as améndoas fileteadas, déixase que vaian fritindo.

3.- Engádeselles a copiña de coñac e o zume do limón, e déixase que se frita todo, pero sen queimalo.

 

4.- Sácase do lume, resérvase e déixase arrefecer.


5.- Xa fría a mestura, esténdese moi ben por riba do salmón. Debe repousar un par de horas antes de enfornar.

 

6.- Métese no forno prequente a 180º C durante 20 minutos. Sérvese.

Notas
Pode servirse sen acompañamento, pero un puré de pataca ou un pouco de brócoli cocido quédalle moi ben.

Ningún comentario:

Publicar un comentario