TRUFAS DE CHOCOLATE
Galiza arrecendía a chocolate a fins
do s. XIX: moreas de fábricas chocolateiras estendíanse por toda a
nosa terra. Daquela, na provincia de Ourense había máis de 20
fábricas, das que hoxe só pervive Chocolates Chaparro, fundada en
1850. A Coruña capital hoxe unicamente ten Chocolate Expréss (1930)
e La Fe Coruñesa (1926). Carballo conserva a elaboración artesá
con Chocolates Mariño (1927). En Lugo capital só Chocolates
Artesanos Chocoart, mentres Ribadeo mantén Chocolates Moreno (1891).
En Salvaterra de Miño (Pontevedra), no 2000 Chocomiño absorbeu os
desaparecidos La Perfección e El Maragato, de Vigo, e a Anthony, de
Allariz.
Fican hoxe na Galiza 8 empresas e o
Museo do chocolate (2015) en Teimende, Parada do Sil, no solar de
Chocolates Caldelas.
A famosa marca Fénix de Buenos Aires
naceu en A Pobra de Trives en 1889: o dono, José Salgado, emigrou en
1910 coas mesturadoras e os muíños de cacao.
Compostela lembra as
fábricas de chocolate da rúa Cardeal Payá, Chocolates
Compostela, na das Ánimas, o obradoiro de Ultramarinos Vázquez no
Preguntoiro, a Raposo nas Orfas...
Unha receita que me forneceu Emilia, compañeira do IES Eduardo Pondal, alá polo ano 1991
Ingredientes
200 g de chocolate negro para fundir
100 g de manteiga
15 g (cullerada sopeira) de café moi
moído
2,5 culleradas de coñac ou whisky
30 g (2 culleradas) de azucre moído
2 xemas de ovo
cacao en po para rebozar
Elaboración
- Partimos o chocolate en anacos e
fundímolo a baño maría.
- Bátese a manteiga, a temperatura
ambiente, coas xemas e o azucre.
- Reméxese o café co coñac.
- Unimos as 3 mesturas e batemos até
acadar unha crema lisa e sen grumos.
- Esténdese no molde e metémolo 2
horas no conxelador.
- Desmóldase e pártese en anacos
iguais.
- Para moldear as trufas, esparexemos
cacao e redondeamos cada unha cun pouco de cacao. Saen
sobre 30.
- Rebozámolas en grans de chocolate ou
en cacao, colócanse nun prato con cacao. Méxese o prato para
impregnalas e que non se peguen.
- Sérvense frías.
Notas
- As luvas de látex evitan que as
trufas se peguen ou se derritan nas mans.
- Empregamos chocolate negro ou
fondant: pódese fundir no microondas, pero é fácil que se queime.
- Gárdanse na neveira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario