BISCOITO (CON MAZÁ E CHOCOLATE)
Cando os domingos, a miña tía
Felicita nos agasallaba con sobremesa, sempre falaba de facer un
"queique" para rematar o xantar, aínda que hoxe é máis
habitual para almorzo ou merenda.
Até vivirmos no Rodiño Grande non fun
quen de facer un biscoito. Alí Camilo de Lamas, o amigo do meu
sobriño, pasounos unha receita infalíbel... e desde aquela non
houbo fallo!.
Co tempo, engadimos outros
ingredientes: pasas, améndoas, noces, iogurte de froitas...
Tempo
45 min
Ingredientes
1.- Para o biscoito base
4 ovos
16 gr de lévedo (1 sobre)
1 iogurte natural
1 chisco de sal
Como medida o vaso do iogurte
1/2 de aceite
2 de azucre
3 de fariña
2.- Con mazá e/ ou chocolate
3 mazás medianeiras
50 gr de chocolate
Elaboración
Nun recipiente mestúrase o iogurte cos
ovos, engádese o aceite, o azucre, o lévedo ou fermento, o sal e,
por último, a fariña peneirada, incorporándoa ao xeito. Méxese
con culler ou pau de madeira até obtermos unha pasta homoxénea.
Déitase a mestura no molde de enfornar
e cocíñase 30 min no forno prequente a 180º, pinchamos para
comprobar a cocción.
Cocido xa, sácase do forno
inmediatamente e, para que asente, déixase temperar antes de
desmoldalo, pasando un coitelo polo bordo e desapegando coas mans.
Con mazá e/ ou chocolate
Córtase o
chocolate en anacos de menos de 0'5 cm.
Depelicamos as mazás, retírase
cadanseu carozo e fileteámolas, engadíndoas á mestura despois da
fariña e remexendo. Déitase a pasta no molde de enfornar e bótanse
por riba os anacos de chocolate.
Notas
Os ingredientes estarán a temperatura ambiente.
Non é preciso engraxar o molde.
Cómpre remexer con culler de pau.
A fariña é o último que se bota,
usando fariña común, sen impulsores químicos. Cómpre peneirala e
incorporala ao xeito, non de vez, para remexer máis fácil.
Non debemos confundir o fermento co
lévedo de panadería.
Lista a masa, cómpre enfornar xa, polo que debemos ter quente o
forno. Non o abriremos cando menos nos 20 primeiros minutos de
cocción.Para conseguirmos un biscoito celmoso, metémolo en quente nunha bolsa plástica ben pechada, deixando que arrefeza no seu interior.
Ningún comentario:
Publicar un comentario