mércores, 9 de novembro de 2016

CHAMPIÑÓNS RECHEOS DE PILI-SECRETARÍA

CHAMPIÑÓNS RECHEOS DE PILI-SECRETARÍA

Ingredientes

.- champiñóns grandes
.- aceite
.- unha cebola e media
.- allos
.- dúas ou tres lonchas de xamón cocido
.- dúas ou tres lonchas de xamón serrano
.- sal
.- ½ vaso de viño branco
.- pementa branca moída

Como facelos

Lavamos os champiñóns e arrincámoslles o pedúnculo ou pé. Cortamos todos os pedúnculos en anaquiños pequenos.
Nunha tixola botamos un chisco de aceite e cocemos alí unha das cebolas moi picadiña. Engadimos os pés dos champis en anaquiños, e as dúas ou tres lonchas de xamón cocido en anacos pequeniños tamén. Reméxese todo xunto e refógase ben. Frita esta zaragallada, rechéanse con ela os champiñóns e bótaselles unha “chispiña” de pementa branca e de sal. RESÉRVANSE.
Nun pouco de aceite nunha cazola, pochamos un dente de allo moi picadiño e media cebola moi picada. Logo colocamos dentro da cazola os champiñóns coa zaragallada cara arriba, engadimos medio vaso de viño branco, a poder ser albariño, e non o Don Simón de cartón, e deixamos cocer todo uns quince minutos máis ou menos a lume medio.
No momento de os servir, fritimos as dúas lonchas de xamón serrano moi picadiñas e adornados cada champiñón cos triscos de xamón resultantes.



TORTA DE QUEIXO COCIDA


TORTA DE QUEIXO COCIDA

Ingredientes

.- 2 iogurtes naturais
.- 2 medidas de fariña
.- 2 medidas de azucre
.- 2 medidas de nata líquida
.- 2 medidas de leite enteiro ou semidesnatado
.- 8 queixiños tipo “caserío” ou 100 gramos de queixo de untar
.- 6 ovos
A “medida” reférese ao vaso do iogurte.

Como facela

Mestúrase todo coa batedora. Úntase o molde con manteiga ou margarina. Bótase toda a mestura no molde, métese no forno prequentado.
Tempo moi aproximado de cocción: 45 minutos a 200º C (Celsius) de temperatura.


LAGOSTIÑOS Á LARANXA E AO LIMÓN

LAGOSTIÑOS Á LARANXA E AO LIMÓN

Ingredientes

.- 500 gramos de lagostiños
.- 1 laranxa mediana
.- medio limón mediano
.- 1 copa de coñá
.- un chisco de sal
.- tres dentes de allo
.- aceite

Como facelos

Nunha pota, botamos o aceite, fritimos os dentes de allo fileteados, botamos os lagostiños, o sal, o coñá. A laranxa e o limón, coa tona incluída, sen mondar, van cortados en gaios para que solten o zume. Déixanse facer a lume mediano durante uns dez minutos. Sérvense quentes, botándolle o mollo por riba.

PASTEL DE CABRACHO

PASTEL DE CABRACHO

Ingredientes

.- 1 cabracho de aproximadamente 1 Kg. de peso
.- 1 bote de salsa de tomate (sobre 200 gr. aproximadamente)
.- 3 ovos
.- 2 centilitros de nata aproximadamente
.- un chisco de sal
.- manteiga para untar un molde (flaneira)
.- maionesa para cubrir
.- leituga para cubrir

Como facelo

Limpo o cabracho, cócese durante 15 minutos a proximadamente. Cando estea morno, para non queimármonos, retíranselle todas as espiñas e a pel, a carne esmiúzase ben.
Mestúranse na batedora os ovos*, o peixe ben esmiuzado, a salsa de tomate e a nata líquida. Esta “zaragallada” bótase nun molde untado con manteiga.
Prequentado o forno, cócese uns trinta minutos a 180º C.
Déixase enfriar, desmóldase o pastel. Pódese servir morno ou frío, adornado con leituga e coberto con maionesa.

Opcionalmente pódeselle engadir trufa, pementa branca ou eneldo.

*Nota: para mellorarmos a “zaragallada”, no canto de bater simplemente os ovos, podemos separar as claras das xemas, bater as xemas soas, bater as claras a punto de neve e, logo, xuntalas coa nata, a salsa de tomate e o peixe esmiuzado.

TORTA DE VERDURAS

INGREDIENTES TORTA DE VERDURAS

1 paquete de masa de follado, masa quebrada ou masa brisa
4 ovos
250 cl de leite
sal
pementa
150 gr de queixo parmesano ralado ou ben 3 lonchas de queixo de derreter
50 gr de taquiños de xamón serrano, panceta  ou xamón cocido
verduras, as que queiras: xudías, chícharos, cenorias, cabaciño, allos porros....

Cócense as verduras separadamente con sal a gusto. Moi importante cocer as verduras separadamente
No molde esténdese a masa de follado, e pínchase bastante cun garfo para que non levante.
Mestúranse nun recipiente os catro ovos batidos co LEITE FRÍO, bótase sal e pimenta a gusto. Métense dentro as verduras que se queira, (chícharos, xudías, cenoria...), o queixo ralado ou as 3 lonchas de queixo en anacos pequenos. Reméxese todo un pouco, bótase esta zaragallada enriba da masa, colocada no molde e ben pinchada. Engádenselle os taquiños de xamón.
Co forno prequente, cócese a 180º durante 30 ou 40 minutos, todo debe estar
callado e a masa cocida. Pódese tomar quente ou frío.